Inicio Carballo ao día Hemeroteca Instalado en Baldaio o primeiro dunha serie de...

Instalado en Baldaio o primeiro dunha serie de paneis e outros elementos divulgativos da riqueza medioambiental do litoral

A próxima actuación será a reposición da mesa informativa do miradoiro de Sambade

Mércores 16 de agosto do 2023 Carballo ao día

O alcalde e a concelleira, cos participantes na ruta de ornitoloxía

O alcalde e a concelleira, cos participantes na ruta de ornitoloxía

Coa visita do alcalde, Evencio Ferrero; da concelleira Maruxa Suárez e das persoas participantes na xornada de iniciación á ornitoloxía que se levou a cabo dentro do programa “Eu quero Razo-Baldaio”, este mércores quedou inaugurado o primeiro dunha serie de paneis e outros elementos físicos que contribuirán á divulgación da riqueza medioambiental, histórica e turística do litoral carballés.

O soporte está situado xunto ao sendeiro peonil de Baldaio, entre a caseta de observación de aves e a ponte. Trátase dun taboleiro de grandes dimensións dividido en tres panos. Un deles inclúe información sobre usos e aproveitamentos que conviven historicamente no espazo natural, como o marisqueo ou o surf; así como dúas propostas de rutas, con toda a información sobre distancias, duración, dificultade e recursos dispoñibles ao longo dos percorridos, e un apartado histórico que lembra a gran loita veciñal que fixo posible a fin da concesión do ano 1948 e a recuperación do espazo público.

Noutro dos panos ofrécese información sobre as especies máis representativas, tanto da fauna coma de flora, que poden atoparse no espazo natural de Baldaio, cun apartado dedicado ás aves e outro, máis concreto, á píllara das dunas, unha xoia que cría nos nosos areais e que, pouco a pouco, grazas a unha conciencia social cada vez maior sobre a súa importancia, vaise recuperando. De feito, este ano agárdase bater un récord na poboación de polos volantóns.

O terceiro pano, que constitúe o elemento distintivo do gran panel, é un espazo reservado para que a persoa que visite Baldaio poida facer unha fotografía coa marisma de fondo. Hoxe xa o probaron tanto Evencio Ferrero e Maruxa Suárez coma cada unha das persoas participantes na xornada de ornitoloxía que coordinou o colectivo naturalista Hábitat.

O soporte ofrece toda a información en galego por unha cara e en castelán pola outra, pero tamén inclúe un código QR que permite acceder a ela en inglés. Nos tres idiomas tamén estará dispoñible en breve o novo panel do miradoiro de Sambade, que será o próximo elemento divulgativo que se instalará no noso litoral. A intención do Concello de Carballo é seguir renovando, completando ou implantando elementos físicos que contribúan á divulgación dos principais valores medioambientais do litoral carballés para seguir promovendo un turismo cada vez máis sustentable.

Ligazóns

Compartir: