Inicio Carballo ao día Hemeroteca Inaugurada a escultura de Carlos O Xestal en...

NESTA NOVA PODES VER O VÍDEO DO ACTO

Inaugurada a escultura de Carlos O Xestal en Lema, a parroquia na que viviu e pola que tanto loitou

Venres 11 de agosto do 2023 Carballo ao día

A Aldea do Couto participou no acto con poesía, música e baile

A Aldea do Couto participou no acto con poesía, música e baile

Carlos Díaz Gestal, O Xestal, e Asunción Antelo, a Rexubeira de Bergantiños, naceron o mesmo día, un 8 de agosto. O primeiro, hai 90 anos; a segunda, hai 104. Pero malia diferenza de idade e a pouca ou nula relación que tiveron en vida, o 8 de agosto do 2023 quedaron unidos para sempre nun acto popular de recoñecemento, homenaxe e divulgación dos seus legados que se celebrou no centro social de Lema, a parroquia na que Carlos Díaz, O Xestal, viviu e pola que tanto loitou, e na que será lembrado sempre coa escultura de madeira, obra do artista da motoserra Yosi Fervenza, que inauguramos co gallo do seu 90º aniversario.

Belén Lendoiro, durante a súa intervención

Belén Lendoiro, durante a súa intervención

«O Xestal e Asunción son dúas persoas que representan o mellor da nosa tradición cultural popular. Telos na presentes na nosa memoria é fundamental para non perder de vista as raíces do que somos. Que Carlos e Asunción sigan moitos anos na nosa memoria, na nosa memoria como pobo e nos nosos corazóns», dixo Belén Lendoiro, alcaldesa en funcións, nun emotivo e entrañable acto no que houbo contos, música, baile, poemas, risas e pastel de aniversario, e que, como non podía ser doutro xeito, rematou cos asistentes soprando as candeas.

Escultura realizada por Yosi Fervenza

Escultura realizada por Yosi Fervenza

A presentación correu a cargo da compañía de teatro carballesa Galeatro, que decidiu homenaxeando cunha lectura dramatizada dalgúns dos contos que tan famoso fixeron a Carlos O Xestal. A Aldea do Couto (Ponteceso), onde O Xestal presentou a primeira actividade organizada polo movemento asociativo alá polos anos oitenta, tamén quixo sumarse coa lectura dun poema de Asunción Antelo, a interpretación de Labregha berghantiñana de Sés, unha gaita, unha pandeireta e tres pezas de baile. E como non podía faltar, non faltou o Coro Aires de Bergantiños, unha das numerosas entidades folclóricas que axudou a fundar O Xestal ao longo da súa extensa e frutífera carreira artística.

A celebración reuniu no centro social de Lema, aproveitando a sombra do soportal nun dos días de máis calor do verán, a máis de 150 persoas, na súa maioría veciños e veciñas da parroquia de Lema. O consello parroquial e as asociacións culturais Ría de Lema e O Castro de Lema colaboraron na organización do acto, impulsado pola Concellaría de Participación Veciñal dentro da programación do Ano do Xestal. Se queredes ver como foi pinchade no vídeo.

Vídeos

Compartir: