Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Galicia activa a prealerta por...

A Xunta de Galicia activa a prealerta por escaseza de auga no río Anllóns

No noso concello non se detectaron polo momento problemas de subministro grazas á captación do río Bardoso, da que procede a maior parte da auga que consumimos

Martes 1 de agosto do 2023 Carballo ao día

As secas no río Anllóns repítense periodicame

As secas no río Anllóns repítense periodicame

A Xunta de Galicia vén de comunicar ao Concello de Carballo a decisión de Augas de Galicia de activar a prealerta por escaseza de auga na unidade territorial integrada pola costa da Coruña ata o límite de Arteixo e a conca do río Anllóns, na que se atopa unha das dúas captacións coas que contamos no noso concello.

Augas de Galicia indica que os datos da estación de aforo do río Anllóns mostran un drástico descenso do caudal no último mes, o cal, sumado ás previsións de escaseza de chuvias a curto prazo, obrigan a activar o protocolo establecido no Plan Especial de Seca.

En Carballo, polo momento, non están afectando grazas á dobre captación nos ríos Anllóns e Bardoso. No entanto, o goberno municipal fai unha vez máis un chamamento á poboación para que faga un consumo responsable, porque, aínda que a traída municipal non está afectada, si que pode haber problemas con algunhas traídas veciñais. Neste sentido, desde o Concello de Carballo pídese aos veciños e veciñas que comuniquen as dificultades de abastecemento que poidan producirse e que soliciten, se é preciso, os servizos de Protección Civil para encher os depósitos.

O goberno municipal está en comunicación permanente coa empresa concesionaria do servizo de xestión integral do ciclo da auga para coñecer a situación en cada momento por se fose preciso aplicar algunha medida restritiva. Nestes momentos Carballo abastécese tanto do Anllóns como, sobre todo, do Bardoso, que achega arredor dun 60% da auga que consumimos.

Dentro do Proxecto Anllóns-Bardoso, no que se investiron máis de catro millóns de euros, instaláronse dúas estacións de aforo de caudal augas arriba das dúas captacións existentes. Deste xeito é posible saber canta auga levan o Anllóns e Bardoso e canta se pode captar de cada un deles en cada momento.

Compartir: