O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo contará o próximo curso con 175 alumnos e alumnas
Mércores 19 de xullo do 2023 Conservatorio
Equipo directivo do CMUS
O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo contará o próximo curso con 175 alumnos e alumnas. Ao peche do prazo de matrícula tramitáronse 33 solicitudes para iniciación musical, 81 para as ensinanzas de grao elemental e 61 para as de grao profesional. A matrícula sobe lixeiramente con respecto ao ano pasado grazas, sobre todo, ao aumento das matrículas para o grao elemental.
Nestes momentos xa están dispoñibles para o alumnado na páxina web do CMUS (apartado de Actividade) tanto os horarios das materias colectivas coma o cadro de materias por especialidade e curso nas ensinanzas musicais, e a medida que se aproxime a data de inicio do curso irán actualizándose os diferentes apartados para que o alumnado e as familias teñan acceso a toda a información sobre o centro.
O curso comezará o 11 de setembro, tal como se establece na instrución da Dirección Xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia para a aplicación do calendario escolar nos conservatorios. De feito, aínda que é de titularidade municipal e está xestionado directamente pola Concellaría de Educación do Concello de Carballo, o CMUS conta coa correspondente autorización autonómica e réxese polas normativas e directrices establecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.
O equipo directivo está formado por Javier Bardanca Castro, director; Daniel Novo Pena, vicedirector; Mario Seoane Blanco, xefe de estudos, e Isaura Rey Castro, secretaria. Ao longo do curso, o CMUS desenvolve numerosas actividades para poñer en valor o traballo que desenvolve o alumnado ao longo do curso, ademais de ofrecer aos estudantes a posibilidade de formar parte das agrupacións do conservatorio, entre elas a Banda Municipal, a Big Band ou a Orquestra de Corda.