Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Xestal será lembrado na parroquia onde...

O Xestal será lembrado na parroquia onde viviu cunha escultura de madeira realizada con motoserra

A inauguración realizarase o martes 8 de agosto, coincidindo co 90º aniversario do seu nacemento

Luns 7 de agosto do 2023 Carballo ao día

Entre as numerosísimas actividades que se están a levar a cabo neste Ano do Xestal, dentro do programa Eu quero Razo-Baldaio vén de rematar a elaboración dunha escultura de Carlos Díaz Gestal realizada polo coñecido artista Yosi Fervenza, que leva facendo tallas de madeira con motoserra desde o ano 2008 e atesourando numerosos premios polo seu excelente traballo.

A elaboración da escultura, para a que se utilizou un tronco de 80 centímetros de diámetro e dous metros de alto, espertou moitísima expectación. O tronco foi doado por un veciño de Pardiñas, que quixo amosar deste xeito o seu recoñecemento e aprezo polo Xestal. Yosi estivo traballando durante os últimos días en Razo, a parroquia onde repousan os restos do Xestal, pero a escultura terá o seu emprazamento definitivo na veciña parroquia de Lema, onde Carlos Díaz viviu durante vinte anos. O acto de inauguración levarase a cabo o 8 de agosto, coincidindo co 90º aniversario do seu nacemento.

Homenaxe popular

O acto celebrarase no centro social de Lema, a partir das 19.30 horas. Ademais da comisión organizadora do Ano do Xestal, participan o consello parroquial e as asociacións Ría de Lema e O Castro de Lema. Pero tamén se suma a Aldea do Couto (Ponteceso) cunha representación, para lembrar que Carlos O Xestal foi o presentador da primeira actividade organizada polo movemento asociativo do Couto. Ademais de honrar a quen recuperou e popularizou cancións como Apaga o candil, no acto haberá unha lembranza para outra artista da nosa comarca, Asunción Antelo, a Rexubeira de Bergantiños, que naceu o mesmo día que O Xestal.

O acto comezará ás 19.30 horas cunha presentación dramatizada a cargo da compañía de teatro carballesa Galeatro. De seguido proxectarase un vídeo resumo da elaboración da escultura, coa intervención do seu autor, Yosi Fervenza. Tamén intervirá Belén Lendoiro, alcaldesa en funcións, e pecharemos o acto cunha actuación do Coro Aires de Bergantiños, que interpretará algunhas pezas recuperadas por Carlos O Xestal, e unha pequena festa de aniversario coa veciñanza que se achegue ata o centro social.

O Ano do Xestal

O obxectivo do Ano do Xestal é poñer en valor unha figura que marcou o mundo do espectáculo en Galicia. Carlos Díaz foi o artista líder en vendas de discos non musicais en España. Os seus contos percorreron o mundo e convertérono nun fenómeno de masas. Pero tamén destacou polo se traballo no eido musical, como cantante e, sobre todo, pola recuperación de pezas fundamentais como a Marcha do Antigo Reino de Galicia; nos medios de comunicación, sobre todo na radio e na televisión, onde popularizou o famoso Apaga o candil e converteuno no himno do programa Luar da TVG. O Xestal foi tamén un home comprometido coa defensa da terra, estivo na primeira liña da loita pola recuperación de Baldaio, e sufriu a represión ao ser acusado inxustamente como castigo pola súa homosexualidade.

ofrenda floral que se realizou na súa tumba, en Razo, no seu 30º cabodano; o traballo de recuperación da súa memoria realizado durante o curso nos centros escolares, que culminou coa interpretación conxunta de Apaga o candil na Praza do Concello; a publicación do libro Os contos das risas serias, que estará a disposición da veciñanza nos vindeiros días nas dúas bibliotecas, ata fin de existencias, e do caderno de pasatempos A píllara das dunas, que tamén podedes recoller de balde nas praias; o mural da escola de Bértoa, ao pé da rúa que leva o seu nome, ou a recente inauguración do Xardín do Xestal son algunhas das moitas actividades que se lle dedicarán neste ano. A próxima será a inauguración da escultura.

Compartir: