Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Medio Ambiente renova e...

A Concellaría de Medio Ambiente renova e completa a sinalización da Ruta das Férvedas

Venres 7 de xullo do 2023 Carballo ao día

Camiñar ou circular en bicicleta pola Ruta das Férvedas (PR-G 142) xa é moito máis doado e accesible para todo o mundo. Este verán poderás realizar os 18,4 quilómetros da senda principal ou atreverte cos 24,6 da ruta completa, incluídas as cinco variantes, sen desviarte nin un metro, porque desde a Concellaría de Medio Ambiente e Servizos vimos de renovar e completar a sinalización conforme á normativa da Federación Galega de Montañismo.

A actuación, na que investimos 20.000 euros, implicou un total de 291 actuacións encamiñadas a mellorar a sinalización existente, a repoñela ou a ampliala a determinados puntos nos que se considerou necesario colocar novos sinais, en función dun minucioso traballo técnico que se realizou previamente. Entre os elementos instalados figuran, por exemplo, 126 placas de PVC, 120 postes baios e 9 altos ou 21 frechas direccionais.

A Ruta das Férvedas comeza na Brea e remata xunto á férveda de Entrecruces, onde o río Outón se precipita ao baleiro dende máis de 40 metros de altitude. Camiña polas corredoiras nos máis segredos recunchos da Depresión Meridiana, que separa as terras altas e baixas das parroquias de Rus e de Entrecruces. Antigos sendeiros, aínda coñecidos como camiños reais, guiarante até fermosos tramos de vexetación autóctona e de ribeira. Queres saber máis? Pincha aquí.

Compartir: