Inicio Carballo ao día Hemeroteca Constituída a Xunta de Goberno Local e...

Constituída a Xunta de Goberno Local e aprobadas as súas competencias na primeira xuntanza do mandato

Entre outros acordos, o goberno aprobou o expediente de expropiación dos terreos precisos para conectar a rúa Neptuno coa Arroaces, en Razo

Luns 3 de xullo do 2023 Carballo ao día

Hoxe celebrouse a reunión de constitución da Xunta de Goberno Local, que neste mandato estará integrada por Evencio Ferrero, presidente; Belén Lendoiro, primeira tenente de alcalde e delegada das áreas de Facenda, Patrimonio, Persoal e Réxime Interior; Xosé Regueira, segundo tenente de alcalde e delegado das áreas de Promoción Económica e Turismo; Ángeles Pacoret, terceira tenente de alcalde e delegada das áreas de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística; Daniel Pérez, cuarto tenente de alcalde e delegado das áreas de Deportes e Participación Cidadá; Iván Andrade, quinto tenente de alcalde e delegado das áreas de Innovación, Fondos Europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana, e Mar Eirís, sexta tenente de alcalde e delegada das áreas de Educación e Terceira Idade.

A Xunta de Goberno Local reunirase en luns alternos, ás 13.30 horas no inverno e ás 13.00 horas no verán.

Rúa Neptuno, en Razo

Rúa Neptuno, en Razo

Na sesión constitutiva tamén quedaron establecidas as súas competencias, e, deste xeito, na sesión de hoxe xa adoptou os primeiros acordos do mandato. Entre eles destacan a aprobación das bases reguladoras da convocatoria de subvencións a asociacións de empresarios e comerciantes para actividades de promoción económica durante o ano 2023, cunha consignación de 70.000 euros, e o proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta para a execución das obras de prolongación da rúa Neptuno para conectala coa Arroaces, en Razo, incluída no PXOM como sistema xeral viario SX-VI/AU11.

O proxecto someterase a información pública por un prazo de 1 mes para que as persoas interesadas poidan formular as observacións ou reclamacións que estimen oportunas. Os propietarios das tres parcelas afectadas serán notificados individualmente, xa que a prolongación da vía obriga a ocupar 193, 57 e 37 metros cadrados, respectivamente.

Compartir: