Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello obtén a autorización...

MELLORAS NAS PRAIAS

O Concello obtén a autorización para acondicionar as zonas de Razo e Baldaio

Venres 8 de xullo do 2005

No informe remitido sinálase que as obras que se solicitan son compatibles cos valores medioambientais da zona, aínda que se dan indicacións sobre o coidado do contorno mentres se desenvolven.

O contorno Razo-Baldaio conforma o principal atractivo lúdico-turístico do Concello, está dotado coa bandeira azul da Comunidade Europea e cada ano incrementa o seu número de visitantes no verán. O proxecto posto en marcha polo Goberno municipal de Carballo inclúe distintas accións destinadas á mellora dos accesos e dos servizos destas praias. A zona pertence á Rede Natura 2000, foi declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e, ademais, é un espazo de especial protección para as aves, ZEPA.

A primeira das accións é a mellora do aparcadoiro de Arnados, en Razo, que se deteriora cada inverno a causa da chuvia e que precisa amañarse cada verán, e o derrubo dun edificio en ruínas que se atopa dentro da zona das dunas. A estrada secundaria, estreita e en malas condicións, que serve de acceso principal á ría de Baldaio vaise acondicionar dende o pinar até a caseta de Protección civil. A Consellaría tamén amosa a súa conformidade coa obra de incremento e mellora da sinalización vial e turística e a construción dunha fonte e lavapés na praia de Arnela. Dentro da sinalización nas praias, inclúese a prohibición do acceso de motos e de quarks á zona de dunas.

O informe emitido pola Consellaría de Medio Ambiente sinala que o proxecto non atenta contra estes valores do medio natural. Con todo, indícase que ao tratarse dun espazo natural protexido, "de alto valor ecolóxico e paisaxístico", deberanse cumprir certas directrices entrementres duren os traballos de acondicionamento: balizar as zonas para non invadir máis superficie da necesaria, non realizar movementos de terra, transportar a maquinaria só polos camiños establecidos, retirar o lixo e os refugallos cara a un vertedoiro controlado, non invadir as dunas e restaurar a zona inmediatamente despois do remate das obras. Por último, indícase que é preciso empregar materiais pouco impactantes, con acabados naturais e integrados no contorno, evitando as estruturas metálicas.

O Concello ten a intención de someter a concurso o contrato destas obras de inmediato, para poder comezar cos traballos de acondicionamento da zona canto antes.

Compartir: