Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo celebra o Día do Orgullo coa...

Carballo celebra o Día do Orgullo coa inauguración do Xardín do Xestal, na honra do gran humorista e folclorista

O acto, programado para as 12.30 horas, contará coa participación do alumnado do CEIP A Cristina e a actuación musical do dúo Curuxa

Martes 27 de xuño do 2023 Carballo ao día

O 28 de xuño celébrase o Día do Orgullo, e este ano queremos dedicarllo a Carlos Díaz, O Xestal, porque cremos nunha sociedade que respecta a diversidade sexual. Como símbolo desa diversidade inauguraremos o Xardín do Xestal, un espazo cheo de cores moi pretiño do Xardín de Rosalía e da Praza de Xela Arias, no Parque do Anllóns.

O acto, aberto a toda a cidadanía, celebrarase o mesmo 28 de xuño ás 12.30 horas. A concelleira de Igualdade, Maica Ures, será a encargada de presentalo. Carla Trigo Mato e Raúl Lista Muñoz, alumnos do CEIP Plurilingüe A Cristina, introducirán a figura do Xestal, e seguidamente intervirá o alcalde, Evencio Ferrero. Como peche do acto contaremos coa actuación do dúo Curuxa, integrado por Pablo Moreira e Sasha Aizikovici, e realizarase unha exhibición de papaventos a cargo dos nenos e nenas que participaron no obradoiro celebrado hoxe no mercado municipal.

Carlos O Xestal sufriu o estigma da homosexualidade. “De súpeto desapareceu a súa voz na radio. Ata que un día atopei unha nova onde reaparecía, pero nas páxinas de sucesos. Unha nota policial falaba dunha redada na que foran detidas persoas consideradas ‘perigos sociais’. Entre eles, O Xestal. Sufriu malos tratos e humillación na prisión de Badaxoz. Todo iso polo delito de ser homosexual”, conta o escritor Manolo Rivas en As voces baixas sobre o episodio que marcou un punto de inflexión na vida do popular humorista cuxa memoria queremos recuperar e poñer en valor neste Ano do Xestal.

Quen foi Carlos O Xestal?

Carlos Díaz Gestal, O Xestal, naceu na Coruña o 8 de agosto de 1933. O seu descubrimento artístico tería lugar na romaría de Santa Margarida no ano 1949. A partir de aí actuou por primeira vez na emisora Radio Juventud de Galicia e iniciou a súa carreira musical como barítono no coro Brétemas e Raiolas. Como cantante e/ou instrumentista formou parte dos gaiteiros Os do Couto, Cántigas da Terra, Follas Novas, Toxos e Froles, Os Mariñáns, Os Calristas, Os Perilláns, a Orquestra 1910 ou o Ballet Galego Rey de Viana, como recolle Xohán Xabier Baldomir no seu libro. Co Grupo Folklórico O Xestal interpretou por primeira vez a Marcha solemne do Antigo Reino de Galicia no ano 1968.

O seu éxito consolidouse entre finais dos anos 50 e principios dos 60, grazas ao éxito que obtivo no programa de Radio Nacional de España “Desfile de estrellas”. Ademais de colaborar nesta emisora durante anos, tamén o fixo coa Televisión de Galicia e, ata a súa morte, con Antena 3 de Bergantiños.

O seu primeiro disco de contos, Cuentos Gallegos por O Xestal, é do ano 1961. Con eles e os que virían despois trunfou nos escenarios de toda Galicia e na emigración, onde a súa contribución ao espallamento da cultura galega fíxoo merecedor da Orde ao Mérito Turístico.

Ao longo da súa vida, Carlos Díaz Gestal residiu nos concellos de Oleiros, Sada e Cambre, de onde procedía a súa familia materna. Por azares do destino, a mediados da década de 1970 vese na obriga de se trasladar a Carballo, concretamente a O Seixo, na parroquia de San Cristovo de Lema. Carballo converteuse na súa terra de adopción ata que, o 4 de xaneiro de 1993, un derrame cerebral impediulle cumprir os 60 anos.

Compartir: