O nacionalista Evencio Ferrero inicia o seu sexto mandato como alcalde de Carballo
Os membros da corporación, na que figuran sete caras novas, tomaron posesión dos seus cargos no pleno celebrado o sábado 17
Luns 19 de xuño do 2023 Carballo ao día
Corporación municipal
Evencio Ferrero Rodríguez, do BNG, inicia o seu sexto mandato como alcalde de Carballo tras ser elixido no pleno de constitución da nova corporación municipal, celebrado o sábado 17. Con moito público no salón de sesións, o secretario do Concello, Miguel Piñeiro Souto, abriu a sesión dando a benvida aos presentes e explicando o funcionamento da sesión, presidida en primeira instancia pola mesa de idade, composta polo concelleiro de máis idade, o propio Evencio Ferrero Rodríguez, e o máis novo, Ramón Varela Rodríguez, ámbolos dous do BNG.
Tras a intervención inicial, os membros da nova corporación foron chamados por orde alfabética para prometer ou xurar o cargo, e unha vez constituído oficialmente o pleno procedeuse á elección de alcalde entre as tres candidaturas presentadas. Co apoio dos 13 concelleiros/as do BNG, Evencio Ferrero revalidou o cargo por outros catro anos. Ramón Varela fíxolle entrega do bastón de mando, símbolo do poder municipal, e o novo alcalde ocupou xa o seu posto na presidencia do salón de sesións. No seu discurso, Evencio Ferrero lembrou a súa primeira toma de posesión como alcalde hai 20 anos e tivo palabras de agradecemento para os seus pais, para a súa familia e para os compañeiros e compañeiras de candidatura, e, moi especialmente, para os veciños e veciñas de Carballo. «Non hai maior honra que representarvos», manifestou.
Evencio Ferrero, tras recoller o simbólico bastón de mando
O alcalde asegurou manter a ilusión intacta, e apelou ao necesario compromiso dos tres grupos que conforman a corporación municipal para “encarar un novo horizonte cara o futuro [...] Deberemos atinar coas respostas que nos esixe a sociedade para procurar que a xestión dos recursos públicos de adapten á maioría das necesidades sociais que nos demandan os nosos veciños”. Nese sentido, aludiu á necesidade dun “financiamento xusto” por parte das administracións superiores, e puxo como exemplo á Deputación da Coruña. Evencio Ferrero lembrou ás vítimas da COVID e, ás portas do San Xoán, rematou cunha alusión ao Alba de Gloria de Castelao: “Que a fogueira do espírito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares”.
A nova corporación municipal de Carballo estará integrada por 13 representantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG), 6 do Partido Popular (PP), e 2 do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE). Despois da constitución da corporación municipal, o alcalde asinou este luns as delegacións de competencias nos distintos membros do grupo de goberno, e para o día 27, despois das festas de San Xoán, está prevista a celebración do pleno de organización do funcionamento da corporación municipal para os próximos catro anos.