Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero agradece o traballo desenvolvido...

SÁBADO 17, CONSTITUCIÓN DA NOVA CORPORACIÓN

Evencio Ferrero agradece o traballo desenvolvido polos sete concelleiros e concelleiras que abandonan a corporación

Hoxe celebrouse o último pleno do mandato para aprobar as actas pendentes

Mércores 14 de xuño do 2023 Carballo ao día

Sete dos actuais integrantes da corporación municipal de Carballo non formarán parte do próximo pleno. Milagros Lantes e Marcos Trigo, do BNG; Antonio Domínguez e Paula Nogueira, do PP; César Varela, do PSOE, e José Bello Pallas e Andrés Eirís, de Terra Galega, abandonan a primeira liña da política municipal ben por non ter sido elixidos ou ben por non terse presentado ás recentes eleccións.

Hoxe, coa excepción de Bello Pallas, que non puido asistir á sesión, víronse as caras por última vez no mandato que remata para aprobar as actas pendentes. O alcalde, Evencio Ferrero, aproveitou a xuntanza para agradecerlles o traballo desenvolvido e desexarlles o mellor na nova etapa que inician. “Sempre é un pracer representar aos veciños e veciñas de Carballo, e nese sentido o meu agradecemento e toda a estima persoal a Paula, Antonio, Andrés, Pallas, César, e permitídeme que sexa de maneira especial con Marcos Trigo e especialísima con Milagros Lantes”, declarou o alcalde, ademais de animar a todos os corporativos a seguir mantendo a relación e a seguir traballando por Carballo, “que é o que nos gusta, e que é onde decidimos vivir e desfrutar. Que teñades toda a felicidade nos vosos fogares, e que esta experiencia sexa imborrable para todos”.

As concelleiras e os concelleiros que abandonan o salón de plenos tamén quixeron despedirse. “Levo moitos anos sendo concelleira, pero aínda sen ser concelleira hai vida política e pódese facer moito traballo sen vir a este salón de plenos, que é moi importante e é unha experiencia moi positiva, da que se aprende moito”, manifestou Milagros Lantes, que expresou os seus mellores desexos para os compañeiros e as compañeiras que continuarán formando parte da corporación, animounos a seguir traballando por Carballo e “que as relacións persoais primen por riba das rivalidades políticas”.

O seu compañeiro Marcos Trigo desexou, no mesmo sentido, que se manteña “o respecto e a cordialidade que hai entre os grupos máis alá das diferenzas políticas”, e que así se traslade ao salón de plenos como foro de representación veciñal.

Tanto Paula Nogueira coma Antonio Domínguez destacaron a aprendizaxe que supón formar parte da corporación e a diferenza que hai entre ver as institucións dende fóra ou dende dentro. “Culturalmente foi espectacular saber como funciona o Concello, de onde veñen os fondos, saber que significan as siglas, e levo esta aprendizaxe. Noutras facetas da miña vida sempre digo que a formación é unha das bandeiras que representan a unha persoa, e isto axudoume a formarme noutros ámbitos da miña vida persoal nos que non tivera oportunidade ata este momento. Todo o que levo é positivo”, sinalou a concelleira do PP.

O socialista César Varela asegurou marchar “moi contento” pola experiencia adquirida, pero deixa a porta aberta. Ao igual que a súa compañeira Mari Carmen Vila, felicitou ao BNG polos bos resultados acadados, así como ao PP, e animou aos compañeiros e compañeiras que permanecerán na corporación “a seguir facendo o que se debe, que é traballar e cumprir”.

Andrés Eirís asegurou que nunca pensara en formar parte da corporación municipal durante tanto tempo. “Despois de oito anos é tempo de pechar unha etapa, na que é verdade que aprendín moito, gustoume moito, pero vaime custar moi pouco adaptarme a non ser político, porque penso que todo o que tiña que dicir díxeno, e sempre dixen o que pensaba e intentado que isto fose o mellor posible”, engadiu o portavoz de Terra Galega, partido que desaparece da corporación tras non concorrer ás eleccións.

Descargas

Compartir: