Inicio Carballo ao día Hemeroteca Sés, Xabier Díaz e as Adufeiras de...

Sés, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, De Vacas, Antía Muíño, Berto e moito máis no Verán Cultural de Carballo

O programa inclúe cinco concertos na Praza do Concello, dous espectáculos infantís na praia de Razo, teatro no Bosque do Añón, nove películas...

Martes 13 de xuño do 2023 Cultura

Chano Calvo, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación do Verán Cultural

Chano Calvo, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación do Verán Cultural

Vai ser moi difícil superar o nivel do Verán Cultural 2023, porque en só dous meses reuniremos en Carballo a Sés, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, De Vacas, Antía Muíño, Berto, o Mago Antón, Galeatro, Paco Nogueiras... Hoxe presentamos o programa ao completo nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e o presidente da Fundación Luís Calvo Sanz, Chano Calvo, que un ano máis colabora para que o noso concello continúe sendo unha referencia cultural en Galicia.

Este Verán Cultural será 100% galego. “Ofrecemos unha programación diversa, para todos os públicos e con carácter gratuíto”, apuntou o concelleiro de Cultura, quen ademais destacou a diversidade de espazos nos que se desenvolverán as distintas propostas. Ademais da Praza do Concello haberá actividades na praia de Razo, no Bosque do Añón e nos distintos barrios e parroquias polos que pasarán as Noites de Cine.

Chano Calvo cualificou como “moi bo” o programa cultural do Concello de Carballo para o verán e expresou “o máximo apoio” da Fundación Luís Calvo Sanz, que comprometeu xa para o ano que vén.

O alcalde, pola súa banda, puxo á Fundación Luís Calvo como exemplo de colaboración coa cultura, que neste ano vaise concretar no concerto de Xavier Díaz e as Adufeiras de Salitre. “Esperemos que o verán siga sendo un lugar de encontro para moita xente que nos visita que a xente veña a Carballo a desfrutar dos espectáculos. Agora que estamos nas portas das festas, esa expresión de que parece o San Xoán se manteña durante todo o verán, e que todos os días sexan días de festa”.

O Verán Cultural 2023 arrincará o venres 7 de xullo co concerto de Sés, que coincidirá ademais coa Praza dos Libros. O xoves presentaremos o programa da PLIC pero o do Verán Cultural podes velo máis abaixo.

Descargas

Compartir: