O alcalde visitou as primeiras obras encamiñadas a reducir o risco de enchentes nas ribeiras do Anllóns
Xa están en execución os proxectos do San Martiño e o Muíño do Quinto
Martes 6 de xuño do 2023 Carballo ao día
Obras no Muíño do Quinto
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron unha visita ás obras que se están levando a cabo no San Martiño e no Muíño do Quinto dentro do convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para reducir o risco de enchentes nas ribeiras do Anllóns.
Obras no San Martiño
A reforma do parque do San Martiño consiste na construción dun muro de contención fronte ás crecidas do río. As obras non afectarán á ponte nin ao parque canino, e estarán paradas durante as festas de San Xoán. No Muíño do Quinto está en marcha a realización dun by-pass, é dicir, unha canle alternativa que permitirá derivar caudal en período de avenida. Neste caso está previsto crear un paso transversal de auga por debaixo da calzada, e tamén se verá afectada a senda fluvial, polo que se prevé a construción dunha pasarela de madeira de 10 metros de luz que dea continuidade ao trazado.
O convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo inclúe cinco proxectos, cun orzamento total de 6,3 millóns de euros.
Nestes momentos está en fase de contratación a reforma da ponte da rúa Fomento, á que optan cinco empresas. Neste punto acometerase a demolición da ponte actual e dun edificio da rúa Fomento que invade a canle do Anllóns. Posteriormente construirase unha nova ponte de 4 metros de ancho e 22 de longo, o que permitirá o paso inferior, en ámbalas marxes, de sendas inundables no caso de enchentes, e ás cales se accederá mediante ramplas.
Outra das actuacións que está pendente de contratación é a reforma da ponte da rúa do Sol, á que optan dúas empresas. O proxecto inclúe a demolición doutro edificio, que, como o anterior, xa foi adquirido polo Concello de Carballo con esa finalidade; a reforma da ponte e a creación dunha canle de augas altas. Os traballos inclúen tamén o derrubamento de tres treitos de escaleiras, que serán substituídas por dúas pasarelas.
O quinto proxecto consistirá na mellora hidráulica do río ao seu paso pola Cepeira, tamén en contratación.
Tal como recolle o convenio, Augas de Galicia comprométese a executar, controlar e financiar as obras precisas; mentres que o Concello de Carballo debe achegar os terreos, xestionar as licenzas e facerse cargo do mantemento posterior das obras que pola súa natureza sexan susceptibles de recepción por parte da Administración local.