Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo expresa as súas...

O Concello de Carballo expresa as súas condolencias polo pasamento do ex concelleiro José Manuel García Guillín

Mércores 24 de maio do 2023 Carballo ao día

José Manuel García Guillín, nunha foto do arquivo de La Voz de Galicia

José Manuel García Guillín, nunha foto do arquivo de La Voz de Galicia

O Concello de Carballo vén de recibir a triste nova do pasamento do ex concelleiro José Manuel García Guillín, que foi responsable das áreas de Industria e Promoción Económica no período 2007-2011. O funeral e enterro están previstos para mañá xoves ás 12.00 horas, na igrexa e no cemiterio parroquial de San Fins de Freixeiro, no concello de Santa Comba, do que era natural. Os seus restos son velados na sala 2 do tanatorio Santa María de Bembribre (Val do Dubra).

Desde o Concello de Carballo, no nome de toda a corporación e dos traballadores e traballadoras desta administración, queremos facer chegar as nosas condolencias ás súas fillas e a súa nai.

José Manuel García Guillín, veciño do lugar de Castrompombo, faleceu este 23 de maio, aos 52 anos de idade, como consecuencia dunha enfermidade. A súa vinculación a Carballo comezou sendo laboral, xa que traballou na sede local da Cámara de Comercio e na empresa privada. No ano 2007 formou parte da candidatura do BNG ás eleccións municipais e saíu elixido concelleiro. Como membro do goberno municipal tivo responsabilidades nas áreas de Industria e Promoción Económica, dende as cales impulsou a integración do Concello de Carballo no Eixo Atlántico, participou no proceso de ampliación do parque empresarial de Bértoa, entre outras moitas iniciativas.

No ano 2011 deixou a política para poñer rumbo a New York, onde desenvolveu un importante labor empresarial e cultural.

Compartir: