Inicio Carballo ao día Novas A Deputación leva a pleno un investimento...

A Deputación leva a pleno un investimento de 211.000 euros para mellorar a accesibilidade peonil da rúa Compostela

Ampliaranse as beirarrúas e instalaranse zonas verdes, creando áreas de lecer para a poboación

Mércores 24 de maio do 2023

A Deputación da Coruña leva ao pleno do venres, 26 de maio, un investimento de 211.266 euros para mellorar a accesibilidade da rúa Compostela, no tramo comprendido entre a rotonda da Milagrosa e o cruce coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo. Do mesmo xeito, levarase a cabo a renovación das redes de servizos e da capa de rodadura.

A Deputación fomenta con esta actuación, de novo, a circulación peonil fronte á rodada, adaptando a rúa, no tramo proxectado, á normativa de accesibilidade. Deste xeito, propóñense unhas beirarrúas mínimas de 1,95 m de ancho. Cómpre indicar que se elimina a zona de aparcamento da marxe esquerda e na marxe dereita propóñense zonas verdes, creando zonas de esparexemento para a poboación.

Ademais adaptaranse os pasos de peóns localizados nos cruces coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo, máis o localizado ao final do tramo de actuación á normativa de accesibilidade.

Proponse a renovación da rede de saneamento de fecais, posto que a actual está en mal estado. Deste xeito, proponse a instalación de dúas liñias de fecais de 175 m de lonxitude, proxectadas cunha tubaxe de polipropileno e instalaranse nove pozos de rexistro prefabricados de formigón.

Doutra banda, proponse a renovación na beirarrúa da marxe dereita dunha canalización de telecomunicacións formada por 4 condutos e instalaranse tamén nos extremos da canalización con dúas arquetas.

Compartir: