Inicio Carballo ao día Hemeroteca En marcha as primeiras obras encamiñadas a...

En marcha as primeiras obras encamiñadas a reducir o risco de enchentes nas ribeiras do Anllóns

Xa están en execución os proxectos do San Martiño e o Muíño do Quinto

Martes 16 de maio do 2023 Carballo ao día

As obras no San Martiño comezaron a principios de mes

As obras no San Martiño comezaron a principios de mes

O convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para reducir o risco de enchentes nas ribeiras do Anllóns pasa do papel ao terreo. Nos últimos días arrincaron dous dos cinco proxectos que se acometerán nos vindeiros meses, cun orzamento total de 6,3 millóns de euros.

Por unha banda comezou a reforma do parque do San Martiño, onde se construirá un muro de contención fronte ás crecidas do río. As obras non afectarán á ponte nin ao parque canino, e estarán paradas durante as festas de San Xoán. Tamén no Muíño do Quinto está en marcha a realización dun by-pass, é dicir, unha canle alternativa que permitirá derivar caudal en período de avenida. Neste caso está previsto crear un paso transversal de auga por debaixo da calzada, e tamén se verá afectada a senda fluvial, polo que se prevé a construción dunha pasarela de madeira de 10 metros de luz que dea continuidade ao trazado.

Hoxe, ademais, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade anunciou que hai dúas propostas para executar as obras na rúa Sol, unha terceira actuación que inclúe a demolición dun edificio adquirido xa polo Concello de Carballo con esa finalidade, a reforma da ponte e a creación dunha canle de augas altas. Os traballos, que teñen un orzamento de 1,6 millóns e un prazo de execución de oitos meses, inclúen tamén o derrubamento de tres treitos de escaleiras, que serán substituídas por dúas pasarelas; unha obra de fábrica pola marxe dereita do río e a habilitación dunha senda.

A todas estas actuacións encamiñadas a reducir o risco de enchentes sumaranse a reforma da ponte da rúa Fomento e a mellora hidráulica do río ao seu paso pola Cepeira, que están en contratación.

Tal como recolle o convenio, Augas de Galicia comprométese a executar, controlar e financiar as obras precisas; mentres que o Concello de Carballo debe achegar os terreos, xestionar as licenzas e facerse cargo do mantemento posterior das obras que pola súa natureza sexan susceptibles de recepción por parte da Administración local.

Compartir: