Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 1.600 escolares e o Coro do CMUS...

ANO DO XESTAL

Máis de 1.600 escolares e o Coro do CMUS renderán homenaxe a Carlos O Xestal cantando o mítico “Apaga o candil”

Yoseba Muruzábal empezará a pintar esta semana un mural na escola de Bértoa, situada no cruce das rúas Carlos O Xestal e Francisco Miguel

Luns 8 de maio do 2023 Carballo ao día

Como non podía ser doutro xeito neste Ano do Xestal, o autor do mítico Apaga o candil será un dos protagonistas das Letras Galegas no noso concello, e precisamente imos recuperar esa canción tan popular para que soe en todo Carballo. O luns 15 de maio reuniremos na Praza do Concello a máis de 1.600 escolares para interpretar O apaga o candil máis grande da historia, e con toda esta rapazada estarán Xosé Ramón Gayoso, Xurxo Souto, Os Jalochos e unha pequena representación da Escola do Alprende para que, ademais de cantar, poidamos bailar.

O evento reunirá a alumnado dos colexios A Cristina, Xesús San Luís Romero, Fogar, Bergantiños, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, CRA Ponte da Pedra e Aspaber. Por motivos de seguridade, só se permitirá o acceso á zona da actuación aos nenos e nenas e ao profesorado, pero o público poderá seguir o evento desde fóra do recinto e tamén se retransmitirá en directo a través dunha pantalla xigante.

Aínda que será o máis multitudinario, O apaga o candil máis grande da historia non será o único acto do Ano do Xestal que se levará a cabo arredor do Día das Letras Galegas. Presentamos o programa completo nun acto no que participaron María Fuentes, membro da comisión organizadora do Ano do Xestal; Gabriel Rivera, de Pinturas Kromo, empresa colaboradora; Javier Bardanca, director do Conservatorio Profesional de Música de Carballo; Juan Seoane, concelleiro de Seguridade; Maruxa Suárez, concelleira de Normalización Lingüística, e o alcalde, Evencio Ferrero.

A presentación realizouse no local de ensaio da Banda Municipal de Música, que tamén está ensaiando o mítico Apaga o candil para interpretalo o propio 17 de maio xunto co coro do Conservatorio Profesional de Música (CMUS).

Pero as actividades na lembranza do Xestal van comezar xa a esta semana. A partir do xoves estará en Carballo Yoseba Muruzábal, un dos muralistas máis famosos de Galicia e do estado, para pintar un mural dedicado ao Xestal. O lugar escollido é a escola de Bértoa, porque o centro educativo está situado xusto na esquina das rúas Francisco Miguel e Carlos O Xestal. Nesta actividade Pinturas Kromo, que cede o material para inmortalizar ao Xestal.

Compartir: