O Concello de Carballo recoñece a dedicación e a entrega dos policías José Ramón Anido e José Antonio Andrade
Os axentes levaban anos traballando xuntos na área de mobilidade e tamén se xubilan xuntos
Venres 5 de maio do 2023 Carballo ao día
Poucos policías locais de Carballo son tan coñecidos como José Ramón Anido e José Antonio Andrade, porque non houbo charla sobre seguridade viaria en colexios, institutos ou centros sociais na que non participase polo menos un dos dous, pero case sempre xuntos. E xuntos tamén entran nunha nova etapa das súas vidas, despois de asinar hoxe a xubilación nun acto celebrado na Alcaldía.
Unha representación do corpo da Policía Local, do goberno municipal e do funcionariado acompañou aos axentes na súa despedida, e xa sen uniforme agradeceron o trato recibido ao longo de todos os anos de servizo tanto por parte dos compañeiros e compañeiras como dos cargos políticos. O xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, correspondeu cualificándoos coma “dous piares moi importantes dentro da Policía Local, porque o traballo que facían en mobilidade era impresionante”, e o alcalde agradeceulles “a dedicación e entrega ao voso traballo, un traballo que Carballo tamén sabe valorar, porque o traballo da Policía Local é un traballo de servizo público que repercute na mellora da calidade da cidadanía”.
Evencio Ferrero fíxolles entrega de cadanseu carballo de Sargadelos cunha dedicatoria do Concello de Carballo e desexoulles moita sorte na aventura vital que agora emprenden. Tanto o alcalde coma o xefe da policía deixaron tamén as portas abertas porque, coñecéndoos, temos o convencemento de que tanto Andrade coma Anido seguirán sendo fieis á súa vocación de servidores públicos.