LUNS 15 DE MAIO
Carballo únese ao movemento “slowlight” cun paseo nocturno para conmemorar o Día Internacional da Luz
En Galicia levaranse a cabo tres das once rutas programadas pola Asociación Slowlight, e unha delas será no noso concello
Venres 5 de maio do 2023 Carballo ao día
Vista nocturna do Parque do Anllóns (Foto Javier Freire)
O 16 de maio celébrase o Día Internacional da Luz, pero en Carballo adiantámolo unhas horas para participar nun dos tres paseos nocturnos que organiza en Galicia a Asociación Slowlihgt, coa colaboración da empresa Energal e do Concello de Carballo, para contribuír a mentalizar á sociedade sobre a importancia dun uso responsable da iluminación artificial.
Slowlight é unha iniciativa de pensamento e acción transformadora que nace co obxectivo de acelerar a transición cara o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) achegando ferramentas para protexer a saúde das persoas e respectar o medio ambienta a través dunha nova cultura de iluminación responsable e o deseño da paisaxe nocturna.
Os paseos nocturnos Slowlight tratan de fomentar esa nova mentalidade entre a poboación, camiñando en grupos de 25-30 persoas polas rúas e prazas, nun percorrido urbano que nos permitirá ir descubrindo os detalles que conforman a paisaxe nocturna da cidade. En Carballo o paseo nocturno será o luns 15. Sairemos ás 21.30 horas da Praza do Concello para realizar unha ruta de 2,5 quilómetros, aproximadamente, e unha duración de hora e media.
O paseo por Carballo estará guiado por un experto en iluminación de Energal, que irá amosando ás persoas participantes outra forma de ver a nosa vila, a través da paisaxe nocturna, reflexionando e intercambiando impresións sobre diversos aspectos. Se queres acompañarnos podes anotarte no enderezo electrónico notificaciones@grupoenergal.com.