Inicio Carballo ao día Novas Un ciberataque mantén paralizada a...

Un ciberataque mantén paralizada a actividade administrativa no Concello de Carballo

Mércores 26 de abril do 2023

O Concello de Carballo foi vítima esta madrugada dun ciberataque que obrigou a paralizar a actividade administrativa. A alarma saltou ás 05.00 horas. Os servizos informáticos municipais activaron de inmediato o protocolo de actuación establecido para intentar minimizar as consecuencias da incursión ilegal, da que se está a investigar o alcance en coordinación coa Axencia de modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega), as empresas que teñen contratados os servizos de antivirus e almacenamento e copia de seguridade. Todas elas participaron pola mañá nunha xuntanza telemática co informático municipal, o secretario do concello, o alcalde e a concelleira de Contratación para establecer os próximos pasos.

En principio están afectados os servidores municipais, pero non os grandes paquetes de información que están aloxados na Deputación da Coruña (padrón de habitantes, contabilidade, Tedec, portafirmas) ou en servidores externos (xestión policial, servizos económicos, UCA ou páxina web). Neste sentido estase a traballar para intentar restablecer o máis axiña posible os servizos non afectados e recuperar a información local da copia de seguridade. Todos os equipos informáticos serán desinfectados e probablemente a partir de mañá empezarán a restablecerse os servizos básicos de atención á cidadanía.

De xeito paralelo á investigación que porá en marcha Amtega para determinar a orixe do ciberataque e seu alcance real, os feitos xa se puxeron en coñecemento da Garda Civil, que xa enviou esta mañá un equipo da Policía Xudicial á casa do concello, e formularase a correspondente comunicación tanto ao Centro Criptolóxico Nacional (CCN) coma á Axencia de Protección de Datos (APD).

Compartir: