Despedidas, debates intensos e numeroso público no último pleno ordinario do mandato
Martes 25 de abril do 2023 Carballo ao día
O último pleno ordinario do mandato estivo marcado polas despedidas, xa que varios membros da corporación actual non concorren ás eleccións do 28 de maio; os intensos debates que xeraron algunhas das cuestións abordadas e o numeroso público que se achegou ata o salón de sesións.
O pleno prolongouse durante tres horas, ao longo das cales foron adoptados os seguintes acordos:
- A acta da sesión anterior foi aprobada coa abstención de Terra Galega.
- A adhesión do Concello de Carballo á rede estatal de entidades locais pola compostaxe doméstica e comunitaria saíu adiante por unanimidade.
- A conta ordinaria de recadación correspondente ao exercicio 2022 foi aprobada cos votos do goberno municipal do BNG, mentres que o resto dos grupos se abstiveron.
- Idéntico resultado se produciu no punto seguinte, a modificación orzamentaria proposta polo goberno para realizar investimentos por valor 1,6 millóns de euros con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais.
- En canto ao pago de facturas presentadas este ano por compromisos adquiridos no 2022, votaron a favor o BNG e o PSOE, mentres que PP e TeGa abstivéronse.
- A oposición abstívose con respecto á modificación do contrato de xestión do servizo de recollida de lixo.
- No punto relativo ao contrato de servizo de limpeza viaria, con reserva a centros especiais de emprego e empresas de inserción social, votaron a favor BNG e PSOE, mentres que o PP abstívose e TeGa votou en contra.
- A moción de Terra Galega sobre o plan especial de protección de infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo foi rexeitada, xa que o BNG votou en contra e os outros dous grupos da oposición abstivéronse.
A sesión rematou co seguimento dos órganos de goberno e os numerosos rogos e preguntas presentados por PSOE e TeGa.