XUNTA DE GOBERNO LOCAL
O Concello de Carballo e a Cámara da Coruña renovan o convenio para impulsar o emprendemento
Aprobada na sesión ordinaria de hoxe a adxudicación dun dos postos exteriores do mercado municipal
Luns 24 de abril do 2023 Carballo ao día
Viveiro de empresas de Bértoa
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a renovación do convenio entre o Concello de Carballo e a Cámara de Comercio para impulsar o emprendemento, utilizando como plataforma o viveiro de empresas situado no polígono de Bértoa. Grazas a este acordo, o viveiro está a actuar como incubadora de proxectos empresariais locais, poñendo a disposición dos seus usuarios e usuarias servizos gratuítos de asesoramento, información ou formación. O Concello de Carballo achegará un máximo de 15.000 euros para o desenvolvemento do convenio.
Dende a súa posta en marcha no ano 2007, o viveiro da Cámara da Coruña ten acollido máis de 60 empresas e proxectos de diferentes sectores de actividade e serve como lanzadeira para que eses proxectos poidan dar o salto a instalacións propias no polígono. A ocupación media nos últimos anos sitúase entre o 70 e o 80%. O viveiro está especialmente indicado para autónomos/as, emprendedores/as e empresas que inicien a súa actividade, que deste xeito poden minimizar os gastos de posta en marcha do negocio e establecer sinerxias co resto de usuarios/as das instalacións.
Outros acordos
Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou a posta en marcha de varios expedientes de contratación, entre eles o das obras de acondicionamento da contorna da igrexa de San Martiño de Cances, por 126.156 euros, e o de mellora da accesibilidade peonil nas rúas Perú, Muíño, Gran Vía, Papoulas, Xeranios, Mirtos, Uruguai, Brasil, Arxentina, Camelias, Xasmíns, Lirios, Xestas, Camelias, Begonias e Igrexa, por 287.071,81 euros.
Tamén se iniciará o experiente de contratación dos seguros do Concello de Carballo, con catro lotes en total: seguro de accidentes para participantes en actividades organizadas polo Concello, por 25.000 euros; seguro de responsabilidade civil das autoridades e o persoal municipal, por 12.500 euros; seguro de accidentes colectivos para o persoal laboral e funcionario e os cargos electos, por 13.000 euros, e seguro de danos materiais en bens mobles e inmobles, por 75.000 euros.
No apartado de contratación tamén se aprobou a adxudicación dun posto exterior do Mercado Municipal, dedicado a comercio de roupa e complementos, por un período de 3 anos e un canon anual de 1.900 euros.