Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Centro de Formación impartirá...

SINATURA DE CONVENIO

O Centro de Formación impartirá tres cursos en colaboración con Cáritas

Luns 5 de setembro do 2005

As accións formativas contempladas no convenio son Chapista de vehículos, que terá unha duración de 239 horas e que se realizará dende mediados do mes de setembro, en horario de mañá, Electricidade de edificios, cunha duración aproximada de 186 horas lectivas e que comezará a primeiros do mes de outubro, e Maquinista de confección industrial, que está pendente de fixar os horarios.

Os cursos teñen como obxectivo básico dotar os alumnos dos coñecementos teóricos e prácticos que lles permitan desenvolver unha profesión, de xeito que se mellore a súa preparación e adaptación ao mercado de traballo. Segundo se establece nas bases do convenio, o obxectivo principal destas accións formativas é promover a formación prelaboral e laboral de mozos de ambos sexos que se atopen en situación de exclusión social.

O Concello de Carballo comprométese a facilitar e acondicionar as instalacións necesarias para celebrar estes cursos. A formación realizarase nos locais situados na Avenida da Cristina, s/n e na Avenida do Ambulatorio, s/n. A Cáritas Diocesana correspóndelle achegar os equipos, os medios materiais e docentes necesarios para a execución axeitada das accións formativas. Na contratación dos docentes terán prioridade os expertos docentes do Concello.

Ao acto de sinatura deste convenio de colaboración, aprobado pola Xunta de Goberno local do 1 de setembro, asisten tamén o representante de Cáritas Diocesana, José García, o concelleiro delegado de Facenda, Contratación e Patrimonio, José Antonio Viña, e o concelleiro delegado de Participación veciñal, Emprego e Promoción económica, Manuel Trigo Cancela.

Compartir: