Inicio Carballo ao día Hemeroteca O servizo municipal de xardíns introduce...

O servizo municipal de xardíns introduce ao alumnado de cociña do obradoiro Fórum Dual no cultivo das aromáticas

A xornada didáctica rematou cunha plantación de distintas especies de uso culinario no horto da Escola de Hostalaría de Carballo

Martes 18 de abril do 2023 Carballo ao día

O alumnado de cociña do obradoiro de emprego Fórum Dual sabe moito máis sobre plantas aromáticas grazas á colaboración do servizo municipal de xardíns, que organizou unha masterclass impartida pola enxeñeira técnica agrícola e paisaxista Carmen Alonso.

A xornada didáctica incluíu unha primeira parte teórica na que, por unha banda, a técnica explicou a evolución e o uso das plantas aromáticas ao longo da historia, na que as especias mesmo chegaron a desenvolver un papel fundamental como moeda de cambio. Tamén explicou os usos actuais que teñen, tanto o culinario, de especial interese par ao alumnado, coma o farmacéutico, o cosmético ou o agrícola, sobre todo como repelentes e/ou detectoras de pragas e enfermidades.

Por último abordouse o cultivo das herbas aromáticas, tanto a nivel teórico, con nocións sobre as épocas axeitadas para sementar cada especie, o seu mantemento ou a recolección, como a nivel práctico. De feito, a xornada rematou cunha plantación colectiva no horto da Escola e Hostalaría de Carballo, á que se sumaron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Formación, Innovación e Emprego, Iván Andrade. A partir de agora, no horto do Fórum Carballo medrarán aneto, romeu, tomiño, coandro, pirixel, ceboliño, herbaluisa, albahaca e mejorana, e ademais dúas especies de flores comestibles: begonias e capuchinas.

Compartir: