A reurbanización da rúa Estela completará o proxecto de posta en valor da contorna do balneario de Carballo
A empresa Excavaciones y Obras Candal comezou cos traballos, que teñen un orzamento próximo aos 200.000 euros
Mércores 12 de abril do 2023 Carballo ao día
Obras na rúa Estrela
A empresa Excavaciones y Obras Candal comezou as obras de reurbanización da rúa Estrela, que completará as actuacións previstas no plan director dos Baños Vellos e, polo tanto, o proxecto de posta en valor da contorna do balneario, o único en funcionamento na provincia da Coruña. Dentro das actuacións encamiñadas a potenciar ese recurso extraordinario co que conta o noso concello xa se acometeron nos últimos meses as obras de reurbanización das rúas Ourense, Baños Vellos, Pontevedra, Chile e Lugo, cun investimento total de máis de 700.000 euros.
As obras da rúa Estrela demoráronse pola necesidade de contar coa autorización da Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galicia, xa que se sitúan na zona de protección da autorización de aproveitamento de augas mineiro-medicinais e termais “Virxe da Estrela”. Neste sentido, na execución das obras deberán adoptarse unha serie de medidas que afectan á instalación da rede de saneamento.
A grandes trazos, o obxecto da intervención na rúa Estrela é a mellora da accesibilidade e da seguridade viaria tanto na propia vía coma nos seus entronques coas rúas Perú, Vázquez de Parga e Baños Vellos, dentro do marco de melloras de calidade urbana que se están levando a cabo nos últimos anos. Coa actuación en marcha estenderase á rúa Estrela a plataforma única, que xa existe en todo ese ámbito, e eliminarase unha das ringleiras de estacionamento para ampliar os percorridos peonís e incluír vexetación. Nesa procura da calidade urbana, o proxecto tamén inclúe a instalación de mobiliario urbano.
Ao mesmo tempo, as obras permitirán modernizar os servizos urbanísticos, mellorando os existentes e incluíndo outros novos.