O plan de renovación integral dos parques infantís continuará en tres espazos urbanos e outros tres da zona rural
A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación do proxecto "Carballo para a infancia" cun orzamento de 550.000 euros
Martes 11 de abril do 2023 Carballo ao día
Parque infantil do Chorís, reformado o ano pasado
Despois das actuacións realizadas o ano pasado nos barrios do Chorís e o Hospital, o plan de renovación integral dos parques infantís continuará nos vindeiros meses noutras seis zonas de xogos. Este luns a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación do proxecto Carballo para a infancia, que prevé un investimento de 550.000 euros nos parques das prazas do Concello, A Milagrosa e Eduardo Pondal. Ao mesmo tempo está xa en proceso de contratación a mellora do complexo de ocio da Ponte de Bértoa, e en breve licitaranse tamén os parques de Razo e Artes. Entre os tres superarán os 300.000 euros.
O proxecto Carballo para a infancia será cofinanciado polo Concello e a Deputación da Coruña, que achega o 80% do orzamento. A actuación prevista nos tres espazos seguirá a liña das realizadas no Chorís e no Hospital e complementarase coa mellora das zonas axardinadas, que forma parte doutro contrato que está en execución nestes momentos e que reforza o carácter integral das intervencións.
As obras sairán a licitación nos vindeiros días, e tamén en breve se iniciará o procedemento administrativo previo á reforma do parque de Razo e á creación dunha nova zona de xogos en Artes, ao tempo que seguimos traballando na elaboración de novos proxectos que se irán acometendo sucesivamente para crear unha gran rede municipal de parques integradores.
Zona multiusos da Ponte de Bértoa
Área de ocio da Ponte de Bértoa
Nestes momentos está en contratación o proxecto de reforma do complexo de ocio da Ponte de Bértoa, integrado polo parque infantil, a pista polideportiva e a zona verde. O proxecto ten un orzamento de 150.000 euros, e son sete as empresas que optan á súa execución.
Como en todas as obras que se están levando a cabo, non se trata unicamente da renovación dos xogos senón tamén de mellorar a accesibilidade e a inclusión mediante a introdución de xogos adaptados, ademais de crear espazos para o descanso das persoas adultas e maiores, fomentando o vínculo emocional; promover a utilización do espazo público para o deporte e o ocio, e fomentar a mobilidade sostible.
Na Ponte de Bértoa, en concreto, o proxecto prevé a instalación de céspede artificial especial para parques infantís en varias cores, e de xogos inclusivos. Tanto a pista polideportiva coma a nova área de calistenia que se creará disporán de pavimento continuo de formigón pulido. Na zona deportiva marcaranse os campos de fútbol sala, balonmán e baloncesto e renovarase tanto o cerramento da pista coma o equipamento.