Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Centro Municipal de Formación...

O Centro Municipal de Formación porá en marcha este mes un novo curso de soldadura. Inscríbete!

Luns 10 de abril do 2023 Carballo ao día

O Centro Municipal de Formación volve a apostar pola formación dos mellores profesionais en soldadura, con dúas accións formativas para es curso 2022-23. A primeira, de soldadura con electrodo revestido e TIG, comezou o 17 de novembro pasado, e nestes momentos temos en marcha o proceso de selección de profesorado e alumnado para un curso de soldadura oxigás e MIG/MAG que arrincará a finais deste mes de abril.

Se queres acceder a unha das 15 prazas dispoñibles podes realizar a solicitude de participación presencialmente ou a través da Intranet do Servizo Público de Emprego de Galicia. As persoas aspirantes deben ter titulación en ESO, FP de grao medio ou competencias clave en castelán, galego e matemáticas.

O curso de soldadura con electrodo revestido e TIG constará de 600 horas de formación, á parte dun módulo de prevención de riscos laborais e os módulos transversais sobre inserción laboral, sensibilización medioambiental e igualdade de xénero. As persoas interesadas poden informarse no Fórum Carballo, ben nas oficinas municipais situadas no segundo andar ou ben na oficina de emprego da planta baixa.

Nestes momentos hai 65 persoas participando nas diferentes accións formativas para o emprego que se desenvolven no Fórum Carballo, sede do Centro Municipal de Formación xestionado pola Concellaría de Formación, Innovación e Emprego. Ademais do curso de soldadura en marcha, tamén están incluídos na oferta formativa deste curso os de Montaxe de mobles e elementos de carpintaría e Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificios. Ademais, ata o mes de outubro continuará o obradoiro dual de emprego Fórum Dual, coas especialidades de cociña e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Compartir: