Aprobada a adxudicación de nove postos do mercado municipal por un período de tres a dez anos
A Xunta de Goberno Local tamén adxudicou as obras das redes de saneamento no Igrexario de Lema e Arnados por case 180.000 euros
Luns 10 de abril do 2023 Carballo ao día
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación de nove postos do mercado municipal: tres para outras tantas peixerías, outros tantos para carnizarías (dous deles para o mesmo titular), un para froitaría, outro para panadaría e o último, para florería. O período das concesións oscila entre 3 e 10 anos. Estas son as primeiras concesións derivadas do proceso iniciado en agosto do ano pasado coa intención de actualizar os usos da praza de abastos e de abrir a posibilidade de incorporación de novos negocios. Con esa finalidade, a área de Feiras e Mercados xa está traballando no prego para unha nova licitación, na que tamén se incluirá o servizo de hostalaría tras a recente finalización do anterior contrato.
Na sesión ordinaria deste luns 10 de abril tamén foi adxudicado á empresa Incipresa SAU o contrato de subministro dunha ferramenta de rescate en accidentes para o servizo de Protección Civil, por 23.000 euros.
Así mesmo, aprobouse a contratación coa empresa Vázquez y Reino das obras das redes de saneamento no Igrexario de Lema e de saneamento e abastecemento en Arnados-Razo, por 179.790,37 euros. No Igrexario de Lema instalaranse 948 metros de tubaxes e 33 pozos de rexistro, mentres que en Arnados colocaranse 798 metros de rede de saneamento e 26 pozos de rexistro, pero tamén se completará o abastecemento nos puntos que carecen do servizo.
Na Xunta de Goberno Local tamén se deu conta de varios contratos que quedaron desertos por distintos motivos, e ademais puxéronse en marcha os expedientes de contratación de dúas obras: a praza do pombal de San Miguel de Vilela, por 250.000 euros, e o proxecto Carballo para a infancia, por case 500.000 euros, que fará posible a reforma integral dos parques infantís da Praza do Concello, A Milagrosa e Eduardo Pondal.
Por outra banda, o goberno municipal aprobou facturas por un importe total de 36.880,99 euros, un convenio de colaboración con varias entidades sociais para a realización de prácticas externas do alumnado da especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais do obradoiro de emprego Fórum Dual, licenzas urbanísticas ou vaos, entre outras cuestións de trámite.
Tamén saíron adiante dúas iniciativas da área de Deporte: por unha banda, a organización da carreira popular 10K, prevista para o 4 de xuño, e, por outra, a concesión das seguintes subvencións para a promoción e o fomento do deporte escolar: Agrupación deportiva escolar CEIP Fogar, 4.908 euros; ANPA A Braña do CEIP Canosa-Rus, 288 euros; ANPA Raiante do CEIP Gándara-Sofán, 336 euros, e ANPA San Martiño do CEIP Nétoma-Razo, 1.704 euros.