Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo, A Coruña, A Laracha, Arteixo e...

Carballo, A Coruña, A Laracha, Arteixo e Culleredo acordan unha declaración intermunicipal para definir estratexias territoriais de futuro

Os cinco concellos acordan oficialmente poñer en marcha proxectos en mobilidade, industria, dependencia e turismo

Mércores 5 de abril do 2023 Carballo ao día

Imaxe dunha das reunións celebradas nos últimos meses

Imaxe dunha das reunións celebradas nos últimos meses

Os concellos da Coruña, Arteixo, Carballo, Culleredo e A Laracha elaboraron unha declaración intermunicipal que pretende ser un acordo formal que permita comezar a elaborar proxectos conxuntos en temas relacionados coa mobilidade, a industria, o ámbito das persoas dependentes e o turismo. Tras varias reunións nas que estiveron presentes os alcaldes e técnicos municipais, os cinco concellos acordaron que nestes catro eixos é nos que se pode colaborar de maneira máis efectiva.

Os concellos seguirán traballando de maneira conxunta para coñecer que temas ou desafíos establecidos nas respectivas axendas urbanas ou similares, que consideran que valería a pena traballar de maneira coordinada. Os municipios presentes xa están vinculados por diversas interdependencias e existe unha comunicación en curso.

Este marco de colaboración tamén serve para incrementar o coñecemento mutuo e os obxectivos que teñen marcados, e crear unhas condicións favorables que permitan que uns municipios veciños e autónomos a nivel competencial poidan converterse, sen renunciar á súa autonomía, senón partindo dela, en municipios cooperadores.

Compartir: