Inicio Carballo ao día Hemeroteca Todos os grupos agás o PP concordan en...

Todos os grupos agás o PP concordan en solicitar á Xunta de Galicia a construción dun centro de educación especial público

A corporación municipal celebrou este luns dúas sesións plenarias: a ordinaria de marzo e unha extraordinaria solicitada pola oposición

Martes 28 de marzo do 2023 Carballo ao día

A corporación municipal celebrou este luns dúas sesións plenarias. Na primeira, de carácter ordinario, o asunto que suscitou o maior debate foi unha moción presentada polo PSOE a raíz do peche do centro de educación especialque viña funcionando nas instalacións de Aspaber. A iniciativa contou co apoio de todos os grupos agás o PP, que se abstivo. Deste xeito, o pleno de Carballo insta á Xunta de Galicia a adoptar, como administración competente, as seguintes medidas:

  1. “Acceder ás demandas das familias dos/as usuarios/as do CEEPR Aspaber de Carballo, garantindo a continuidade inmediata dun centro de educación especial na comarca para que os estudantes poidan continuar coa súa formación e as familias teñan no seu contorno vital un servizo esencial para a conciliación da súa vida laboral e familiar”.
  2. “Garantir que os centros educativos ordinarios da comarca conten cos recursos necesarios para atender aos alumnos con necesidades educativas especiais, en aras de fomentar unha educación máis inclusiva”.
  3. “Comprometerse a construír un centro de educación especial público, nun prazo razoable, cun mínimo de 5 a 7 unidades, no que se matricularán os alumnos e alumnas que requiran unha atención moi especializada, e que sirva de referencia e apoio aos centros ordinarios”.

Terra Galega tamén presentou unha moción por vía de urxencia sobre un vertido no Rego da Balsa. A iniciativa foi rexeitada polo grupo de goberno argumentando que xa se están acometendo as obras necesarias para solucionar o problema.

A corporación aprobou por unanimidade o convenio que regula o proxecto do parque arqueolóxico do megalitismo na Costa da Morte para que poida incorporarse o concello de Coristanco; a modificación puntual número 7 do PXOM, que afecta ás aliñacións en Quintela e A Barreira, e o anexo de expropiacións para que Augas de Galicia poida acometer o proxecto de demolición de edificación, reforma da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa do Sol.

A proposta do goberno municipal para modificar a ordenanza fiscal número 4, que regula o imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), foi aprobada coas abstencións de PP e TeGa. O obxectivo desta reforma é establecer unha escala de bonificacións, en función do orzamento do investimento e do número de postos de traballo creados, que pode acadar ata o 95% do importe do imposto.

Despois de atender os rogos e preguntas presentados por PSOE e TeGa, ás 21.55 horas comezou o segundo pleno, neste caso extraordinario, que fora solicitado polos concelleiros e concelleiras dos tres grupos da oposición a raíz dunha sentencia do TSXG que anula a licenza da estación de servizo da rúa Poñente. A sesión incluíu a comparecencia do alcalde, Evencio Ferrero, tal como pediran os grupos, así como a votación dunha proposta de acordo que foi rexeitada polo goberno do BNG argumentando que o Concello está obrigado a defender sempre o interese público. O debate prolongouse durante algo máis dunha hora.

Compartir: