Xa está en marcha en cinco colexios o plan de compostaxe escolar impulsado polas concellarías de Servizos e Educación
Martes 28 de marzo do 2023 Carballo ao día
O alumnado dos colexios Xesús San Luís Romero, Fogar, A Cristina, Gándara-Sofán e Canosa-Rus xa está colaborando para que o futuro sexa máis verde. Nos últimos días púxose en marcha en todos estes centros o programa de compostaxe escolar que impulsamos dende as concellarías de Servizos e Educación para implicar aos nenos e as nenas na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible establecidos na Estratexia 2030.
Dende o Concello de Carballo consideramos que empezar a difundir a compostaxe na escola é un acto de responsabilidade ecosocial, no que resulta imprescindible a implicación de toda a comunidade educativa. Con esa intención vimos de instalar composteiros nos cinco colexios adheridos e de realizar a formación correspondente. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, asistiron a unha desas xornadas formativas e pediron a colaboración dos nenos e as nenas para trasladar ese compromiso ambiental da escola á casa.