LINGUA
O Concello organiza un obradoiro Máis Alá! para mozas e mozos
Martes 14 de novembro do 2006
Os obxectivos do obradoiro son educar a sensibilidade lingüística a través do coñecemento sobre a realidade máis próxima, o entendemento das relacións lingua-sociedade, o cuestionamento dos prexuízos e o exercicio do espíritu crítico; favorecer a adquisición de actitudes positivas cara á lingua; traballar e debater sobre a solidariedade, a ecoloxía, a igualdade, a educación para a paz..., transmitindo o valor da capacidade transformadora do individuo na sociedade e das iniciativas grupais e asociativas.
Potenciarase a motivación do alumnado cara á intervención e participación activa, facendo da creatividade persoal unha clave para aprender; desenvolvendo a autonomía persoal, usando o diálogo e o debate como método de análise, etc.O obradoiro está dirixido a rapazas e rapaces do segundo ciclo da ESO e de Bacharelato, e todas/os as/os interesadas/os poden anotarse no enderezo electrónico normalizador@carballo.org ou a través dos equipos de normalización lingüística dos institutos de Carballo, que están difundindo a actividade nos propios centros de ensino. O número de prazas está limitado a 20.
O obradoiro consiste en 9 sesións que terán lugar os mércores, desde o 29 de novembro até o 14 de febreiro, de 17.00 h a 19.00 h, no Pazo da Cultura. Os rapaces e rapazas que participen neste obradoiro participarán ademais nunha excursión durante unha fin de semana de xaneiro, na que convivirán con outros mozos e mozas de diferentes localidades nas que tamén se están a desenvolver estes obradoiros, como Santiago de Compostela, Pontevedra, Ames, Betanzos, etc. Toda a actividade (sesións e excursión) é gratuíta. Os encargados e encargadas de impartir o obradoiro serán membros da Cooperativa Tagen Ata de Lingua e Comunicación.