Inicio Carballo ao día Hemeroteca O plan integral de mellora das zonas verdes...

O plan integral de mellora das zonas verdes esténdese a outros oito espazos axardinados

Venres 17 de marzo do 2023 Carballo ao día

Praza da Milagrosa

Praza da Milagrosa

O Concello de Carballo puxo en marcha hai catro anos un proxecto de reforma integral das zonas verdes que comezou cunha primeira intervención en 11 espazos axardinados: Rego da Balsa, prazas de Galicia, do Concello e da Cruz Vermella e sete rotondas. Este primeiro contrato permitiu estender aos xardíns o proceso de transformación que está a experimentar a nosa vila, e o esforzo realizado viuse recompensado a finais do ano 2022 no certame Vilas en Flor ao acadar, na nosa primeira participación, 3 Flores de Honra.

Praza Eduardo Pondal

Praza Eduardo Pondal

Despois desa primeira intervención, cuxos resultados están á vista, damos un paso adiante cun novo proxecto de mellora integral doutros 8 espazos axardinados: os parques do Anllóns, Eduardo Pondal e A Milagrosa, a rotonda de Pedra Furada e outras catro situadas no polígono de Bértoa.

Rotonda no polígono de Bértoa

Rotonda no polígono de Bértoa

As actuacións teñen un obxectivo ornamental pero tamén funcional, con deseños adaptados a cada espazo. Así, por exemplo, na zona da Milagrosa crearanse pantallas acústicas e de protección, nas rotondas primará o acolchado de solos espidos e no Parque do Anllóns, ademais de xerar novas zonas de sombra, introducimos un elemento novo co xardín dedicado a Rosalía de Castro, un dos seleccionados no ano 2021 no Festival internacional de xardíns de Allariz. Grazas á cesión realizada polo Concello de Allariz, este martes 21 de marzo, coincidindo co Día da Poesía e o Día da Árbore, poderemos inauguralo para o desfrute de toda a veciñanza.

Todas as melloras que se están levando a cabo nas zonas verdes realízanse en función de criterios técnicos, tratando de evitar ou paliar os problemas de tipo fitopatolóxico, biomecánico, fisiopático e de funcionalidade que presentaban algúns deses espazos.

Pero ademais de realizar unha clara aposta de xardíns máis sostibles, coas especies axeitadas a cada espazo, sistemas de rego e un alto estándar de calidade, o Concello de Carballo reforza o seu compromiso coa integración social, xa que as obras son realizadas polo centro especial de emprego Dixardín, que conta cun 80% de persoal con algún tipo de diversidade funcional.

Compartir: