O Concello de Carballo licita o servizo de mantemento das vías públicas para os próximos catro anos por 1,4 millóns de euros
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou inicialmente o estudo de detalle para o reaxuste das aliñacións na zona de Pedra Furada
Luns 13 de marzo do 2023 Carballo ao día
Obras de asfaltado
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a posta en marcha do expediente de contratación do servizo de conservación, mantemento e reparación das vías públicas municipais por un período máximo de catro anos e un orzamento total de 1,4 millóns de euros. O contrato divídese en dous lotes, un para á zona urbana e outro para a zona rural.
Deste xeito, o goberno municipal pretende ter garantido o bo estado xeral dos máis de 600 quilómetros de vías asfaltadas que hai no noso concello, á parte de actuacións concretas de máis envergadura que se leven a cabo e que serán obxecto de contratos singulares, como os aglomerados nas vías de Bolón (Sofán) a Vilar de Francos (Artes) ou das Labradas (Carballo) á Ponte de Bértoa, que están en fase de contratación nestes momentos por máis de 300.000 euros, ou a reurbanización da rúa Estrela, que vén de ser adxudicada por 200.000 euros.
Dentro dos asuntos de contratación tamén se puxo en marcha a licitación dos servizos bibliotecarios por un máximo de catro anos e un orzamento tope de 618.437,92 euros para todo ese período.
Así mesmo, a Xunta de Goberno declarou deserto o contrato das obras de construción de gradas e espazos anexos no campo de fútbol do Carral por non presentarse ningún licitador, como tamén pasou coa construción dun almacén no campo de fútbol das Eiroas. Si se adxudicou un dos lotes do contrato correspondente ao servizo de adecuación ao esquema nacional de seguridade e delegado de protección de datos do Concello de Carballo, por un prezo total de 3.770,35 euros, á empresa APDTIC Profesionales S.L.
Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou este luns facturas de gasto por importe de 22.939,49 euros, licenzas urbanísticas, devolucións de avais, o resumo de ingresos da recadación municipal, entre outros asuntos de trámite.
Tamén deu o visto bo ao prezo público para o taller de creación de memes que se desenvolverá no marco do festival Carballo Interplay, así coma á concesión dunha subvención de 25.000 euros á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil para apoiar o seu traballo nos ámbitos da prevención, a formación e o apoio a distintas áreas municipais, entre outros.
Por outra banda, quedaron aprobadas as bases da convocatoria anual de axudas de estudo para alumnado de 2º ciclo de educación infantil e estudos de grao elemental ou profesional no Coservatorio Profesional de Música de Carballo, para as que se destina unha partida de 66.000 euros.
Aliñacións en Pedra Furada
Na xuntanza deste luns tamén se procedeu á aprobación do estudo de detalle para o reaxuste das aliñacións no ámbito de Pedra Furada, tal como está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
O estudo afecta total ou parcialmente a un cento de parcelas catastrais e abrangue as rúas Mirtos, Alcalde Peinador, Cándido González Tiradas, Fonte Caldeira, Rodríguez Sesmeros, Antonio Vázquez Mouzo, Alcalde Monteagudo, Alcalde Bolón, Alcalde Peinador e Padre Feijoo. O obxectivo é resolver o desaxuste das aliñacións establecidas no PXOM respecto da realidade existente en canto ás edificacións e cerramentos que consolidan estas aliñacións.
Segundo o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local, o expediente será sometido a información pública por prazo dun mes para que as persoas interesadas poidan consultalo e, se así o consideran, formular alegacións. Ao mesmo tempo enviaranse notificacións individuais ás persoas titulares catastrais dos terreos afectados e solicitaranse os informes sectoriais preceptivos á Delegación do Goberno, a Dirección General de Telecomunicaciones y Tecnologías de la Información do Ministerio de Economía e Empresa e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta.