Inicio Carballo ao día Hemeroteca Razo acolle esta fin de semana un seminario para...

Razo acolle esta fin de semana un seminario para escolas de surf que participan no proxecto “Aprende a través do surfing”

A actividade formativa para profesionais complementarase o domingo cunha sesión para o profesorado dos centros escolares adheridos

Venres 10 de marzo do 2023 Deporte

Imaxe do seminario celebrado o ano pasado

Imaxe do seminario celebrado o ano pasado

A praia de Razo convértese esta fin de semana no punto de encontro do monitorado das escolas de surf adheridas ao programa "Aprende a través do surfing" en Galicia, unha das comunidades autónomas que vén participando no proxecto educativo, deportivo e medioambiental organizado pola Federación Española de Surfing e Surf and Clean.

O seminario DEAN (Defensa dos espazos acuáticos naturais), organizado pola Federación Galega de Surf en colaboración coa española e Surf and Clean, vai destinado a xerentes e direccións deportivas de escolas náuticas. Para todos eles está deseñada unha formación presencial teórica e práctica. Deste xeito, as escolas de surfing quedan habilitadas para poder impartir as actividades do proxecto "Aprende a través do surfing".

Paralelamente, para o domingo 12, de 10.00 a 13.00 horas está programada unha actividade na escola BoaOla e na propia praia na que participará profesorado dos centros escolares adheridos ao proxecto nos concellos de Cabana, Camariñas, Carballo, Coristanco, Ferrol, A Laracha, Malpica, Miño, Mugardos, Ponteceso, Valdoviño e Vimianzo.

O Concello de Carballo colabora un ano máis cunha actividade que pretende fomentar a cultura acuática e marítima, mellorar a seguridade nas praias, crear un vínculo co mar que permita comprender mellor a súa relevancia, recoñecer as ondas coma un ben de gran valor para a comunidade, crear unha rede do mar, introducir no ensino a perspectiva de medio ambiente e transformación social e formar axentes de cambio que axuden á sociedade a facer unha transición cara unha forma de vida máis sostible.



Galería

Compartir: