Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo pon en marcha o proceso de...

O Concello de Carballo pon en marcha o proceso de elaboración da Axenda Urbana 2030

Hoxe realizáronse cadansúa sesión informativa cos xefes de servizo das distintas áreas municipais e cos portavoces dos grupos políticos

Xoves 9 de marzo do 2023 Carballo ao día

Reunión cos xefes e xefas de área dos departamentos municipais

Reunión cos xefes e xefas de área dos departamentos municipais

O Concello de Carballo está a traballar xa na Axenda Urbana 2030, un documento estratéxico que persegue o logro da sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano e que constitúe un método de traballo e un proceso para todos os actores, públicos e privados, que interveñen nos espazos urbanos e que buscan un desenvolvemento equitativo, xusto e sostible desde os seus distintos campos de actuación. 

A Axenda Urbana de Carballo formará parte da Axenda Urbana Española, que responde ao cumprimento dos compromisos internacionais adoptados de conformidade coa Axenda 2030, a Nova Axenda Urbana das Nacións Unidas e a Axenda Urbana para a Unión Europea. Coa finalidade de informar aos axentes implicados no seu desenvolvemento, hoxe celebráronse dúas sesións técnicas: na primeira participaron xefes/as de área dos distintos departamentos municipais, e á segunda, destinada aos portavoces dos grupos políticos, asistiu o popular Rubén Lorenzo. Por parte do goberno municipal participaron o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación, Estratexia Urbana e Contratación, Milagros Lantes, e o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade.

A Axenda Urbana concíbese como un documento estratéxico que trata de abandeirar unha nova visión do urbanismo. Nese sentido contribuirá á consecución do ODS 11, sobre cidades sostibles e resilientes, pero tamén con outros ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) cos que transversalmente garda relación.

Reunión cos portavoces dos grupos políticos

Reunión cos portavoces dos grupos políticos

O primeiro paso para a elaboración da Axenda Urbana 2030 é a realización dun diagnóstico da realidade urbana e rural, e neste aspecto é o que se centra actualmente o traballo que desenvolve o Concello de Carballo. A continuación definirase un marco estratéxico estruturado dun decálogo de obxectivos con posibles liñas de actuación, establecerase un sistema de indicadores para realizar a avaliación e o seguimento do cumprimento dos obxectivos, xunto cunhas fichas dos plans de acción para a súa aplicación, e, por último, marcarase un plan de acción con propostas concretas dende o ámbito das competencias municipais.

O documento do diagnóstico que está en fase de elaboración resulta especialmente útil, por canto achega unha análise obxectiva da realidade identificando desde as máis variadas temáticas (que van desde os cambios demográficos e o despoboamento das zonas rurais á mobilidade, pasando polo metabolismo urbano e cuestións de gobernanza, entre outras), os principais problemas que poñen en perigo a sustentabilidade do modelo urbanístico actual.

Compartir: