Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cinco colexios participarán nun plan de...

Cinco colexios participarán nun plan de compostaxe escolar impulsado polas concellarías de Servizos e Educación

Xoves 9 de marzo do 2023 Carballo ao día

No CEIP Gándara-Sofán xa contan cunha zona de compostaxe

No CEIP Gándara-Sofán xa contan cunha zona de compostaxe

A sociedade ten por diante importantes retos ambientais aos que moi pronto terán que enfrontarse os nenos e nenas. Preparar ao alumnado para un futuro máis verde é o principal obxectivo do plan de compostaxe escolar que impulsamos dende as concellarías de Servizos e Educación, e ao que xa se sumaron cinco colexios: Xesús San Luís Romero, Fogar, A Cristina, Gándara-Sofán e Canosa-Rus.

Dende o Concello de Carballo consideramos que empezar a difundir a compostaxe na escola é un acto de responsabilidade ecosocial, no que resulta imprescindible a implicación de toda a comunidade educativa.

Dentro das accións dirixidas ao alumnado de educación primaria, nos vindeiros días comezará o proceso de instalación de composteiros en cada un dos centros educativos adheridos, así como a formación correspondente. Será unha ferramenta idónea para introducir os nenos e nenas no aproveitamento dos restos orgánicos que se xeran na escola e axudará o alumnado a comprender o ciclo da materia orgánica dunha maneira práctica e didáctica.

Compartir: