Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha interesante mesa redonda con mulleres de...

Unha interesante mesa redonda con mulleres de Carballo que despuntan en profesións masculinizadas abriu os actos do 8M

Ata o 13 de marzo podes ver na Praza do Concello a exposición “Sinaladas”, que pretende contribuír a seguir construíndo referentes

Luns 6 de marzo do 2023 Benestar

As mulleres teñen a palabra reuniu a preto de cen persoas

As mulleres teñen a palabra reuniu a preto de cen persoas

Non podiamos ter mellor arranque para as actividades do 8M: a mesa redonda As mulleres teñen a palabra resultou un éxito dende todos os puntos de vista. Este domingo tivemos a sorte de poder escoitar a catro carballesas que despuntan en profesións masculinizadas, mulleres preparadas, feministas e referentes para as novas xeracións. A xefa do parque de bombeiros de Carballo, Catú Vilariño; a empresaria Mercedes Fraga; a enxeñeira informática Verónica Bolón e a letrada da Xunta de Galicia Patricia Iglesias, coa colaboración da regueifeira Lupe Blanco, que realizou un extraordinario labor como presentadora e moderadora, déronnos unha lección de vida que ben podería formar parte do currículo escolar. Por iso queremos compartila con todas e todos vós neste vídeo.

Con esta interesantísima mesa redonda, que se complementou cunha sesión vermú amenizada polo dúo Black Acoustic e na que intentamos facilitar a conciliación poñendo a disposición das persoas asistentes unha ludoteca na que pasaron unha entretida mañá máis de vinte nenos e nenas, abrimos o programa do Día da Muller, que se prolongará durante as vindeiras semanas con propostas divulgativas e, sobre todo, formativas.

Exposición “Sinaladas”

A exposición Sinaladas estará na Praza do Concello ata o día 13

A exposición Sinaladas estará na Praza do Concello ata o día 13

Entre as primeiras, ademais da mesa redonda organizada polas concellarías de Innovación, Formación e Emprego e Igualdade, figura a exposición Sinaladas, que podes visitar ata o día 13 na Praza do Concello, como fixeron na xornada inaugural o alcalde, Evencio Ferrero, as concelleiras Maica Ures e Milagros Lantes, e a actual directora do Centro de Información á Muller (CIM), Laura Toimil.

Sinaladas é unha mostra integrada por 39 paneis a través da que se pretende divulgar a figura de mulleres e movementos co obxectivo de ofrecer unha visión global da memoria das mulleres e seguir construíndo referentes. As revoltas agrarias, a represión do movemento obreiro por parte do franquismo, as mulleres pioneiras na política, a situación educativa da muller durante a II República e o franquismo, a cultura en defensa do país, o borrado de referentes por parte da ditadura, as líderes sociais polos dereitos colectivos, a resistencia, as mulleres galegas nas milicias, as resistentes, as solidarias, o exilio, as galegas en América Latina, as guerrilleiras, as desterradas, a humillación das vencidas e a súa “dubidosa” moral ou a resistencia democrática, entre outros, son os temas que aborda a exposición.

Estes contidos son da elaboración de Montse Fajardo, xornalista e investigadora de recoñecida traxectoria, con anos de traballo neste eido e autora de diversos libros e publicacións sobre o tema, que cedeu á Deputación da Coruña os dereitos de reprodución da súa investigación.

Actividades lúdicas

Esta parte divulgativa do programa do 8M complétase con dúas actividades dirixidas á infancia. Por unha banda, o mesmo 8 de marzo, de 18.00 a 19.00 horas, os nenos e as nenas estarán Xogando sen xénero na Praza do Concello ou, no caso de mal tempo, na planta alta do mercado municipal. A actividade consistirá na realización de diversos xogos e dun mural colectivo.

A última proposta, tamén lúdica, é o reparto da baralla Feminismos no tempo, un xogo de 55 cartas para situar feitos relevantes da historia do feminismo.

Formación

Outro prato forte da programación do 8M en Carballo é a formación, cun programa dirixido aos diferentes sectores sociais. O mesmo 8 de marzo celebrarase na Casa do Concello un obradoiro básico de formación en perspectiva de xénero destinado a todo o persoal técnico e político, dado que as administracións temos unha responsabilidade na introdución e no desenvolvemento do noso traballo incorporando a perspectiva de xénero. O taller será impartido por Ramón Torrente, pedagogo, psicopedagogo, técnico de igualdade, autor e director teatral en proxectos pedagóxicos de igualdade.

A formación chegará tamén aos institutos de secundaria. Por unha banda, con dous obradoiros dirixidos ao alumnado: un sobre novas masculinidades, que enfocamos aos estudantes de FP, e outro titulado Para que non doa, no que se traballarán as relacións emocionais dende unha perspectiva non sexista, as dependencias emocionais e o que ten que ver coas formas de respecto e boa relación. O  obxectivo é que o alumnado cuestione os mitos e falsas crenzas en torno o namoramento e o amor, que diferencien entre relacións igualitarias e relacións violentas, de dependencia… e que reflexionen sobre os modelos impostos nas relacións afectivas.

O profesorado poderá participar tamén na acción formativa Pingas de igualdade, que neste caso impartirase telematicamente e que constará de seis horas de formación.

E, por último, a programación elaborada dende a área de Igualdade tamén inclúe a actividade Feminismo, traballo e vida. Dereito ao coidado, coidado con dereitos, que vai dirixida a mulleres traballadoras do ámbito dos coidados.

Vídeos

Compartir: