Inicio Carballo ao día Hemeroteca A declaración institucional do Concello de...

A declaración institucional do Concello de Carballo polo Día da Muller abriu a sesión plenaria

Martes 28 de febreiro do 2023 Carballo ao día

A corporación municipal comezou a sesión ordinaria deste luns coa declaración institucional do Concello de Carballo con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo. O texto íntegro pode descargarse ao final desta nova.

Tanto as actas das sesións anteriores coma o recoñecemento de obrigas de exercicios anteriores, por algo máis de 90.000 euros, foron aprobados coa abstención de Terra Galega. Tamén se abstiveron todos os grupos da oposición no punto relativo á revisión de prezos do contrato de servizos enerxéticos e mantemento do alumeado público correspondente ao ano 2021, segundo a cal a empresa concesionaria terá que devolver máis de 90.000 euros ao Concello de Carballo.

O último asunto foi unha moción do PP sobre a ordenación do litoral de Galicia, que foi aprobada coa abstención do PSOE tras a aceptación por parte dos populares dunha emenda presentadas polo BNG para modificar o punto 2, co cal a redacción final da resolución sería a seguinte:

O Concello de Carballo insta ao Goberno central a:

  1. Recoñecer as lexítimas competencias de Galicia en materia de ordenación do litoral atribuídas no seu Estatuto de Autonomía.
  2. Respectar a capacidade lexislativa de Galicia para ordenar e planificar o litoral terrestre e marítimo.
  3. Realizar o traspaso efectivo dos medios persoais e materiais necesarios para poder exercer a competencia exclusiva de ordenación do litoral, que inclúe como función executiva a xestión dos títulos habilitantes sobre o litoral.
  4. Velar pola protección do dominio público marítimo terrestre sen prescindir das súas funcións sociais dado o seu carácter de lugar estratéxico para o desenvolvemento de determinadas actividades económicas e sociais que se desenvolven na nosa costa.

Os informes sobre o cumprimento das obrigas en materia de morosidade e rendición de contas ao Ministerio de Facenda e varios rogos e preguntas do PSOE completaron a sesión.

Descargas

Compartir: