Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alcalde de Carballo e o reitor da Universidade...

O alcalde de Carballo e o reitor da Universidade da Coruña sentan as bases dunha colaboración estable entre ámbalas institucións

Evencio Ferrero e Julio Abalde reuníronse este xoves no reitorado da UDC

Xoves 23 de febreiro do 2023 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Julio Abalde reuníronse no Reitorado da UDC

Evencio Ferrero e Julio Abalde reuníronse no Reitorado da UDC

O alcalde, Evencio Ferrero, desprazouse hoxe á Coruña para manter unha xuntanza co reitor da UDC, Julio Abalde, coa intención de avaliar a posibilidade de desenvolver accións conxuntas. Concello de Carballo e Universidade da Coruña teñen colaborado xa en iniciativas como a organización de cursos de verán, e este ano está previsto manter esa cooperación cunha nova edición do curso de normalización lingüística Traballando en lingua.

Na xuntanza de hoxe acordouse estender a colaboración a outros ámbitos a través de accións formativas e divulgativas da UDC dirixidas tanto ao actual alumnado universitario como a futuros estudantes. Nestes momentos realizan estudos de grao na UDC un total de 226 mozos e mozas do noso concello, dos cales 24 están matriculados/as nalgún máster e 7 cursan estudos de doutoramento, segundo os datos facilitados hoxe polo Reitorado da UDC.

Evencio Ferrero e Julio Abalde abordaron a posibilidade de converter Carballo nunha das sedes da universidade sénior, así como de poñer en marcha diferentes accións divulgativas en colaboración co Concello e cos centros educativos. O alcalde manifestou que os recursos municipais están a disposición da UDC para que as propostas abordadas na xuntanza de hoxe poidan materializarse.

A reunión entre alcalde e reitor foi consecuencia dunha solicitude remitida por Evencio Ferrero para intentar, precisamente, establecer unha canle de comunicación e de colaboración permanente coa UDC, contar con información sobre o alumnado universitario do noso concello e mesmo poder acceder a traballos, teses de doutoramento ou investigacións de profesorado e alumnado que teñan relación co noso concello ou coa comarca de Bergantiños, e que nos permitan dotarnos dun capital documental que contribúa a mellorar o coñecemento sobre o noso territorio e ampliar os fondos do arquivo municipal. Dende o Concello de Carballo pretendemos ampliar eses contactos ás outras universidades galegas.

Compartir: