Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comezou o reparto de compost entre as persoas que...

Comezou o reparto de compost entre as persoas que participan no programa Ti tes a chave

Xoves 16 de febreiro do 2023 Carballo ao día

Aproveitando o mercado semanal, este xoves comezou o repato de compost entre os veciños e veciñas do noso concello que participan no programa Ti tes a chave. Grazas á colaboración entre o Concello de Carballo, Sogama, Urbaser e Dixardín, esta semana chegaron dende a planta de compostaxe de Cerceda cinco toneladas de compost que se utilizarán, principalmente, nos xardíns municipais, pero que tamén se repartirá entre as persoas que contribúen a pechar o círculo da xestión sostible dos residuos orgánicos.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata o posto instalado na rúa Coruña para interesarse pola acollida da iniciativa, e no que ademais puideron comprobar a boa calidade do compost producido na planta de Sogama cos bio-residuos enviados dende Carballo.

As accións de rúa continuarán nas vindeiras semanas para achegar á poboación a información necesaria para seguir ampliando a rede de colaboradores na recollida selectiva de residuos orgánicos. Atoparás o noso posto na rúa Coruña, de 10.00 a 14.00 horas, e poderás adherirte ao programa Ti tes a chave. Entregarémosche a chave que abre os colectores marróns e bolsas compostables. Aquí tes o calendario:

  • Domingo 26 de febreiro
  • Xoves 2 de marzo
  • Xoves 9 de marzo

E lembra tamén que durante todo o ano podes achegarte de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, ata as oficinas de Carballo Limpo, situadas nas galerías da rúa Desiderio Varela, número 34, para informarte sobre a compostaxe ou para aclarar calquera outra dúbida sobre a xestión dos residuos sólidos urbanos no noso concello.

Compartir: