Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aproba a participación de Carballo...

O pleno aproba a participación de Carballo nun proxecto de Gestagua para mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga

O acordo foi adoptado este venres nunha sesión extraordinaria na que tamén se realizou unha corrección de erros no acordo anterior sobre o POS Social

Venres 10 de febreiro do 2023 Carballo ao día

A corporación municipal de Carballo celebrou este venres pola mañá unha sesión plenaria extraordinaria e urxente para aprobar a participación de Carballo nun proxecto da empresa Gestagua para mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga nos concellos galegos nos que xestiona ese servizo, como é o caso do noso. Precisamente hoxe era o último día para presentar a solicitude de subvención para o proxecto, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e de aí a urxencia da sesión. A proposta de Gestagua recibiu o apoio de BNG e PSOE, mentres que PP e TeGa abstivéronse.

Na sesión de hoxe, na que toda a corporación apoiou a urxencia, tamén se aproveitou para aprobar unha corrección de erros no denominado POS Social, que xa recibira o visto bo da corporación no pleno do 30 de xaneiro. Neste caso votaron a favor todos os grupos agás TeGa, que se abstivo. O Concello de Carballo disporá dunha achega de 195.871,55 euros para gasto social, que se destinará ao servizo de axuda no fogar.

Compartir: