Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo, final da ruta pola provincia dos...

Carballo, final da ruta pola provincia dos participantes no Seminario Galaico-Brasileiro “Pontes que unen patrimonios”

Estudantes e profesorado das universidades da Coruña e Brasilia realizaron unha visita guiada por persoal municipal

Xoves 9 de febreiro do 2023 Carballo ao día

A Universidade da Coruña acolle o I Seminario Galaico-Brasileiro “Pontes que unen patrimonios”, un encontro entre a CEUB de Brasilia e a UDC centrado no estudo do territorio. Ao longo desta intensa semana, os/as participantes completaron as sesións formativas que se celebran polas mañás na Facultade de Socioloxía con rutas urbanísticas polas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago. Hoxe realizaron a última, e o seu destino será Carballo.

O noso concello convértese, tal como explica a coordinadora do Grupo de Estudos Territoriais da UDC, María Andrade, nun exemplo “no que o caos e o feísmo urbanístico se reconverteron, especialmente nos últimos dez ou quince anos, nunha vila máis humana” grazas a un proceso de transformación que permitiu “converter as medianeiras en lenzos, poñer en valor o río ou implantar unha mobilidade slow”, pero que ademais, explica a socióloga carballesa, ten “proxección de futuro”.

A organización do I Seminario Galaico-Brasileiro “Pontes que unen patrimonios” recaeu en Manuel Docampo, un dos representantes da UDC que participaron na visita a Carballo xunto con Plácido Lizancos, decano de Arquitectura, e Cristina García Fontán, coordinadora en Paisaxe. En total, unha vintena de persoas, entre elas alumnos e alumnas das dúas universidades, puideron descubrir un espazo urbano absolutamente descoñecido para eles/as no percorrido que guiaron a propia María Andrade e os traballadores municipais Maite Parga, técnica de Turismo, e Xaime Díaz, autor, ademais, da Guía ilustrada de arquitectura de Carballo. Na ruta participaron tamén os concelleiros de Mobilidade, Juan Seoane, e Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, e a concelleira de Planificación Urbana, Milagros Lantes.

Compartir: