Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno lembra a Pedro Tasende Díaz,...

O pleno lembra a Pedro Tasende Díaz, membro da primeira corporación municipal da democracia, falecido o domingo

Aprobada a proposta de investimentos do POS+ 2023 cos votos favorables do BNG e o PSOE e as abstencións do PP e Terra Galega

Martes 31 de xaneiro do 2023 Carballo ao día

O pleno comezou cun minuto de silencio na memoria de Pedro Tasende

O pleno comezou cun minuto de silencio na memoria de Pedro Tasende

A corporación municipal de Carballo comezou a sesión ordinaria deste luns cun minuto de silencio na memoria de Pedro Tasende Díaz, concelleiro de UCD no primeiro mandato da democracia, que faleceu este domingo aos 81 anos de idade. Os grupos municipais expresaron tamén as súas condolencias á concelleira Milagros Lantes Seara polo pasamento da súa irmá María na tarde do venres.

En canto ao contido da convocatoria, os nove asuntos que figuraban na orde do día foron abordados en menos dunha hora. Tras a aprobación da acta da sesión anterior coa abstención de Terra Galega deuse conta do cambio de denominación da empresa responsable do contrato de servizos enerxéticos e mantemento das instalacións do alumeado público.

As propostas de investimentos que se realizarán cos fondos do plan provincial POS+ 2023, tamén saíron adiante sen debate, coas abstencións de TeGa e PP. O Concello de Carballo aprobou proxectos por tres millóns de euros, que se reparten entre obras (abastecemento de auga dende A Canosa ata Entrecruces, aglomerados das vías de Arnados a Sambade e do Pereiro Vello a Outón, abastecemento aos núcleos do Espiño, Ramil, O Piñeiro e Goiáns de Arriba, e rede de pluviais en varias rúas da primeira fase do polígono de Bértoa), gasto corrente e gasto social.

Todos os grupos agás o PSOE votaron a favor da investigación sobre a propiedade dun camiño da Pedra do Sal e da aprobación definitiva das expropiacións para acometer a mellora hidráulica na Cepeira, incluída no convenio entre o Concello de Carballo e Augas de Galicia. Os terreos afectados teñen un valor inferior aos 4.000 euros. Nos dous puntos relativos á actualización das retribucións do persoal laboral e funcionario interino do Concello votaron a favor todos os grupos agás TeGa.

A moción do PSOE na que solicitaba comunicación aos grupos municipais dos procedementos xudiciais nos que o Concello sexa parte foi rexeitada polo grupo de goberno, xa que esa información está dispoñible nas actas da Xunta de Goberno Local.

A sesión rematou con varios rogos e preguntas de PSOE e Terra Galega sobre cuestións coma o servizo de atención temperá, investimento en promoción turística, servizos deportivos, proceso de estabilización do persoal ou contratación, entre outras.

Compartir: