O Concello de Carballo estende a outros oito espazos axardinados o plan integral de mellora das zonas verdes
Nestes momentos están en marcha os traballos de acondicionamento do Parque do Anllóns e a Praza da Milagrosa, afectados polas últimas choivas
Martes 24 de xaneiro do 2023 Carballo ao día
Visita ao Parque do Anllóns
En maio de 2019, o Concello de Carballo iniciou a reforma integral de 11 espazos axardinados: Rego da Balsa, prazas de Galicia, do Concello e da Cruz Vermella e sete rotondas. Este primeiro contrato permitiu estender ás zonas verdes o proceso de transformación que está a experimentar a nosa vila.
Praza da Milagrosa
Despois desa primeira intervención, cuxos resultados están á vista, o goberno municipal dá un paso adiante cun novo proxecto de mellora integral doutros oito espazos axardinados: os parques do Anllóns, Eduardo Pondal, A Milagrosa e San Cristovo, ademais de cinco rotondas, cun investimento próximo aos 90.000 euros.
As actuacións teñen un obxectivo ornamental pero tamén funcional, con deseños adaptados a cada espazo. Así, por exemplo, na zona da Milagrosa crearanse pantallas acústicas e de protección, nas rotondas primará o acolchado de solos espidos e no Parque do Anllóns xeraranse novas zonas de sombra grazas á plantación de 13 novas árbores.
Todas as melloras realizaranse en función de criterios técnicos, tratando de evitar ou paliar os problemas de tipo fitopatolóxico, biomecánico, fisiopático e de funcionalidade que presentan agora mesmo algunhas desas zonas verdes. Así llo explicaron o xefe de servizo e a responsable técnica da brigada municipal de xardíns, Carlos Iglesias e Cristina Vázquez, ao alcalde, Evencio Ferrero, durante a visita que realizou ás obras en marcha no Parque do Anllóns e a Praza da Milagrosa, afectados polas últimas choivas.
Ademais de realizar unha clara aposta de xardíns máis sostibles, coas especies axeitadas a cada espazo, sistemas de rego e un alto estándar de calidade, o Concello de Carballo reforza o seu compromiso coa integración social, xa que as actuacións son realizadas polo centro especial de emprego Dixardín, que conta cun 80% de traballadores con diversidade funcional.