Inicio Carballo ao día Hemeroteca Rematan as obras de conservación e mellora...

Rematan as obras de conservación e mellora do núcleo rural tradicional dos Vilares, na parroquia de Sísamo

Xoves 12 de xaneiro do 2023 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Luis Lamas visitaron as obras

Evencio Ferrero e Luis Lamas visitaron as obras

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata Os Vilares para ver o resultado das obras de conservación e mellora dese núcleo rural tradicional situado na parroquia de Sísamo. A actuación, executada pola empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 227.651 euros, consistiu na pavimentación con formigón de 2.600 metros lineais de vías.

A mellora, financiada cos fondos do POS+Adicional da Deputación da Coruña, permite que Os Vilares se sume a outros núcleos rurais singulares, coma Cances Grande, O Rodo, Vilar de Cidre ou Castillón, nos que levamos a cabo actuacións integrais de dotación de servizos e pavimentación do rueiro con formigón co obxectivo de revitalizalos e poñelos en valor.

No caso dos Vilares realizouse unha limpeza completa antes de proceder á pavimentación con formigón deses 2,6 quilómetros de vías, que superan os 9.000 metros cadrados de superficie. As obras tamén permitiron adecuar as rúas ás aliñacións aprobadas no PXOM e completar o servizo de abastecemento de auga.

Compartir: