Renovada por completo a pasarela de madeira que se estende ao longo de 600 metros polo borde litoral de Razo
O parque infantil tamén será sometido a unha reforma integral nos vindeiros meses
Mércores 11 de xaneiro do 2023 Carballo ao día
Evencio Ferrero, na nova pasarela
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, achegouse ata Razo coincidindo coa fase final dos traballos de substitución da pasarela e das ramplas de madeira do paseo da praia. As obras foron adxudicadas en xullo á empresa Jardinería Arce por 164.064,57 euros e comezaron en setembro, ao remate da temporada de praias, para non afectar ao desenvolvemento das actividades estivais nun dos principais enclaves turísticos do noso concello.
Ao longo destes catro meses foron renovados por completo, con madeira de piñeiro tratada, os máis de 600 metros de lonxitude da pasarela. A actuación incluíu tamén as ramplas de acceso á vía pública, nas que faltan por colocar os remates na zona de entronque entre a madeira e o pavimento. Dentro do proxecto tamén se levou a cabo o traslado das columnas de alumeado público e doutros elementos que invadían a zona de paseo, ademais da ampliación dos cubre-contedores.
A pasarela de madeira da praia de Razo foi construída entre os anos 2003 e 2005, e case vinte anos despois precisaba a reforma integral que vimos de acometer, e que mellorará as posibilidades de desfrute da cidadanía dun espazo natural privilexiado. Nos vindeiros meses tamén está previsto acometer a reforma integral do parque infantil, que conta xa con consignación orzamentaria, e na que investiremos 146.125,14 euros.