Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado o orzamento do Concello de Carballo para...

Aprobado o orzamento do Concello de Carballo para o ano 2023, que supera os 30 millóns de euros

Veciños e veciñas de Sísamo presentes na sesión acolleron con aplausos a aprobación do convenio coa Deputación para rematar a travesía

Martes 27 de decembro do 2022 Carballo ao día

A corporación municipal aprobou no último pleno deste ano o orzamento do Concello de Carballo para o 2023, que acada os 30.235.979,84 euros. A proposta económica foi apoiada polos 12 concelleiros/as do BNG, mentres que o PSOE abstívose e tanto o PP coma TeGa votaron en contra. O documento terá que someterse agora a información pública para que a aprobación sexa definitiva e poida entrar en vigor.

O debate do orzamento centrou boa parte da hora e media que durou o pleno. A acta da sesión anterior foi aprobada coa abstención de TeGa. Este partido e o PP tamén se abstiveron con respecto ao cadro de persoal do Concello de Carballo para o ano que vén, e volveron a facelo, xunto co PSOE, en relación co pago de facturas pendentes de exercicios anteriores.

Pero na sesión tamén houbo propostas que saíron adiante por unanimidade. A primeira foi a aprobación provisión da modificación puntual número 7 do PXOM, que afecta ás aliñacións nos lugares de Quintela e A Barreira. A segunda, o convenio coa Deputación da Coruña para acometer a última fase das obras de urbanización da travesía de Sísamo. O acordo foi acollido con aplausos polos veciños e veciñas desa parroquia presentes no salón de plenos.

O convenio, aprobado tamén pola Deputación a semana pasada, suporá un investimento de 2,4 millóns de euros para actuar dende o punto quilométrico 0+810 ata o 2+570. O organismo provincial financiará as obras de pavimentación e construción de beirarrúas e zonas de aparcamento, con 1.789.000 euros, e o Concello de Carballo asume a dotación de servizos de auga e saneamento, a xardinería e a instalación de mobiliario urbano, por 652.006 euros.

Compartir: