Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 22 finalistas aspiran aos Premios...

Un total de 22 finalistas aspiran aos Premios Youtubeiras 2022 nunha gala de entrega que se celebrará en Carballo o 28 de xaneiro

Xoves 22 de decembro do 2022 Lingua

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, xa teñen finalistas para os seus oito premios. En total, 22 serán as propostas que disputarán os galardóns desta sexta edición, que dará a coñecer o seu palmarés o vindeiro sábado, 28 de xaneiro. Ese día, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá a gala de entrega dos Premios Youtubeiras. A actriz e narradora oral Cristina Collazo será a presentadora e Laura Lamontagne & PicoAmperio encargaranse de lle pór música ao evento.

A organización de Youtubeiras destaca a concorrencia acadada neste 2022. Presentáronse a concurso 74 canles. Cómpre salientar que 45 delas non se inscribiran con anterioridade aos premios e gran parte son de recente creación. A cifra deste ano duplica a que se logrou en 2021, edición na que se postularon 38 canles.  A estes datos hai que lles sumar as 39 canles que foron propostas por usuarios e usuarias das redes sociais para o Premio do Público. Dende o punto de vista cualitativo, a organización e o xurado sinala o alto nivel técnico que se rexistrou, así como a diversidade temática, o amplo rango de idades das persoas participantes e o potencial para se converteren en referentes da rede galega. Ano a ano, a comunidade creadora de contidos no Youtube no noso idioma medra en todos os sentidos, fornécese de novas voces que abordan todo tipo de materias e continúa a innovar con novos formatos.

O xurado desta sexta edición dos Premios Youtubeiras está conformado por Mario Brión (Olaxonmario), gañador do Premio ao Youtubeira/o do ano na edición anterior; Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina Galega en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. Tras unha complexa deliberación, decidiuse escoller como finalistas do Premio Youtubeira/o do ano a Anxo Sánchez, neeumatiko e La Bisonte. Na categoría de Canle, as finalistas son Toxío, Tonio Cociña Galega e Fica coa bola.

O galardón de Youtubeira/o Revelación disputarase entre Marcos Borrageros, Histérikas Histórikas e Falemos do Reino de Galicia, mentres que o premio ao mellor Vídeo decidirase entre A Moura, de Contos de Santalla, Bury your gays (Enterra os teus homosexuais) - Investigación documental, de Henfunk Studio, e Eduardita, de Piratas sen parche.

O galardón á Calidade Lingüística conta como finalistas con Falemos do Reino de GaliciaWebserie Cóntallo a Cambados e Media Laranxa, mentres que o Premio Pioneiro decidirase entre Noticias Dispersas, Gallifrey Ceive e Pingando-Laura Veiga. O Premio Rede, destinado a aquelas canles coa capacidade de tecer comunidade, disputarase entre Proxecto R.E.D.E.S, A Lobeira today e Exército Mekemeke.

Por último, as persoas finalistas ao Premio do Público son BEMBIBRE coas Tanxugueiras, de Xabi Gómez; Mitos e ritos do tempo de Defuntos. Conversa con Lidia Mariño, da canle Orgullo Galego, e Eduardita, de Piratas sen parche. Precisamente o vídeo Eduardita, de Piratas sen parche, aspira a facerse con dous galardóns (Premio do Público e Vídeo), igual que Falemos do Reino de Galicia (Youtubeira/o Revelación e Calidade Lingüística).

7.500 euros en premios

Os Premios Youtubeiras repartirán este ano 7.500 euros. Cada un dos galardóns conta cunha dotación económica de 1.000 euros, agás o Premio do Público, cuxa contía ascende a 500 euros. Será o xurado quen decida finalmente a proposta gañadora en todas as categorías, excepto no Premio do Público. Este galardón concédese por votación popular a través de medios dixitais e o xurado limitarase a dar fe do reconto.

Relación de finalistas por categorías

1. PREMIO CANLE 
Toxío: https://www.youtube.com/@toxio
Tonio Cociña Galega: https://www.youtube.com/@TonioCocinaGalega
Fica Coa Bola: https://www.youtube.com/@ficacoabola  

2. PREMIO YOUTUBEIRA
Anxo Sánchez: https://www.youtube.com/@AnxoSanchez
Neeumátiko: https://www.youtube.com/c/neeumatiko
La Bisonte: https://www.youtube.com/@LaBisonte

3. PREMIO VÍDEO
‘A Moura’, da canle Contos de Santalla: https://www.youtube.com/watch?v=l06mWqUkccA&ab_channel=ContosdeSantalla
‘Bury your gays (Enterra aos teus homosexuais)’, de Henfunk Studio https://www.youtube.com/watch?v=I6xrtlCh4Ak&ab_channel=HenfunkStudio
‘Eduardita’, de Piratas sen parche https://www.youtube.com/watch?v=yRiNWfSvcnE&ab_channel=Piratassenparche

4.YOUTUBEIRA/O REVELACIÓN
Marcos Borragueros: https://www.youtube.com/@marcosborrageros
Histérikas Histórikas: https://www.youtube.com/@histerikashistorikas8593
Falemos do Reino de Galicia: https://www.youtube.com/@falemosdoreinodegalicia

5. PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA
Media Laranxahttps://www.youtube.com/@medialaranxa8828
Falemos do Reino de Galicia: https://www.youtube.com/@falemosdoreinodegalicia
Webserie Cóntallo a Cambados: https://www.youtube.com/@webseriecontalloacambados5419

7. PREMIO PIONEIRO
Noticia dispersas: https://www.youtube.com/@NoticiasDispersas
Gallifrey Ceive: https://www.youtube.com/@gallifreyceive
Pingado Laura Veiga: https://www.youtube.com/@pingando_gal

7 PREMIO REDES
Proxecto R.E.D.E.S. https://www.youtube.com/@proxectoredes
A Lobeira Today: https://www.youtube.com/@aLobeiratoday
Exército Mekemeke: https://www.youtube.com/@exercitomekemeke  

8. PREMIO DO PÚBLICO
‘Bembibre coas Tanxugueiras’, de Xabi Gómez e Sara: https://www.youtube.com/watch?v=I7w2jtY78rI&ab_channel=XabiG%C3%B3mez
‘Mitos e ritos do tempo de Defuntos. Conversa con Lidia Mariño’, de Orgullo Galego: https://www.youtube.com/watch?v=wfsgyutRTyo&ab_channel=OrgulloGalego
‘Eduardita’, de Piratas sen parche https://www.youtube.com/watch?v=yRiNWfSvcnE&ab_channel=Piratassenparche

Compartir: