UFD inviste 5,7 millóns de euros nas infraestruturas eléctricas de Carballo para mellorar a calidade do subministro
O alcalde visitou hoxe a nova subestación eléctrica de Quintáns, que quedará conectada coa de Bértoa cunha futura liña soterrada
Luns 19 de decembro do 2022 Carballo ao día
Representantes da empresa e do Concello, no exterior da nova subestación
UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, vén de realizar un investimento de máis de 3,7 millóns de euros na reforma integral da subestación eléctrica situada no lugar de Quintáns e no soterramento da liña de alta tensión á entrada da instalación. Esta actuación mellorará a calidade e optimizará a fiabilidade da subministración eléctrica ás empresas conserveiras e madeireiras da zona, así como aos concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Malpica de Bergantiños.
A compañía realizou unha reforma completa da subestación e realizou a blindaxe do parque de 66 kV da mesma. Ademais, dotouse á infraestrutura de novas tecnoloxías no telecontrol e sensorización, o que implica unha ampliación da súa capacidade e a mellora da calidade da subministración eléctrica, ao optimizar a fiabilidade e minimizar os tempos de resposta ante calquera incidencia.
Para o soterramento das liñas de alta tensión executáronse máis de 1.550 metros de novas conducións, permitindo a eliminación de preto de 700 metros de liña de alta tensión aérea e 4 apoios (ademais dos pórticos no interior da subestación), liberando máis de 20.000 m2 de servidume de voo das liñas aéreas e minimizando o impacto visual sobre a paisaxe.
Así mesmo, actualmente atópase en execución a construción dunha nova liña subterránea de alta tensión que, cunha lonxitude de 3,7 km e un investimento de ao redor dos dous millóns de euros enlazará as dúas subestacións do municipio de Carballo (Quintáns e polígono industrial de Bértoa), coa finalidade de dotar de maior fiabilidade e seguridade á subministración da comarca.
Interior da nova instalación
O delegado de UFD na provincia da Coruña, Emilio Castro, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, visitaron esta mañá as obras da nova subestación, que permitirán desmontar as antigas estruturas ao aire libre existentes no lugar de Quintáns. Durante a visita, Castro lembrou que se cumpriron os prazos previstos, xa que finalizaron os traballos antes de final de ano, e destacou que “esta actuación supón o investimento máis importante da distribuidora na zona”. Pola súa banda, o alcalde de Carballo destacou a importancia da colaboración público-privada para acometer proxectos que, como neste caso, supoñen unha mellora da calidade do servizo e contribúen, en consecuencia, a un maior benestar dos veciños e veciñas.